O pasado venres 22 de abril, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, entregaron o premio ao equipo gañador do Hackathon Navantia Next Pioneers, celebrado dende as 15.00 horas da xornada anterior no campus ferrolán. No evento tecnolóxico, onde os estudantes tiveron que resolver un reto concreto de transformación da industria naval, participaron 42 estudantes (15 homes e 27 mulleres) do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto.
O desafío presentado por Navantia para este hackathon foi o de “abordar solucións de deseño dun soporte universal robotizable que servise para suxeitar distintos elementos dos sistemas como tubos, cables ou condutos á estrutura dos buques”. Tanto un buque como unha fragata empregan máis de 150.000 destes soportes.
Ao longo do evento, os alumnos foron acompañados en todo o proceso creativo polo equipo de Kelea, encargados de manter a motivación e a enerxía dos participantes durante toda a noite, e por mentores de Navantia e da Universidade da Coruña que foron validando en tempo real as ideas xeradas.
Do mesmo xeito, nas 24 horas que durou a proba, as persoas participantes tiveron a oportunidade de escoitar a Alejandro Miguel Sanmartín, director do Jet Propulsion Laboratory da NASA, quen se conectou en directo desde Los Ángeles, e a Iago Iglesias Pose, ex-alumno da Escola Universitaria de Deseño Industrial e integrante da startup ITFAB, que traballa na fabricación aditiva e o prototipado rápido.
Presentáronse un total de 8 solucións, das que, logo da súa correspondente presentación e análise por un xurado, foi seleccionada a proposta do equipo Ocean, integrado por Alberto Caaveiro, Daniel Anidos, Sara Soldevilla, Helena García e Alberto Reboredo.
En palabras da UDC, o evento Navantia Next Pioneers pon de manifesto, unha vez máis, a colaboración existente entre Navantia e a Universidade da Coruña, a través do Campus Industrial de Ferrol, na que é unha aposta conxunto por impulsar e mostrar o talento.
A UDC e Navantia Ferrol entregan o premio do Hackathon Navantia Next Pioneers
Compartir Este Artigo

