Temos resposta para o cambio climático e esta reposta está no coñecemento avanzado, na innovación, na transformación tecnolóxica e na transferencia de coñecemento. E, tamén, por suposto, na colaboración. Estes elementos están na base do proxecto FIREPOCTEC, no que que traballan arreo 21 entidades de España e de Portugal, entre as que se atopa, pola nosa terra, a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), e tamén EnergyLab e a Universidade de Vigo. Ao abeiro de FIREPOCTEC, financiando polo programa europeo Interreg POCTEP, lanzouse un accelerathon na procura de ideas innovadoras para o sector forestal en España e Portugal. A convocatoria xa está aberta e os proxectos gañadores contarán con mentorización e acompañamento para a convocatoria de financiamento europeo Life+.
FIREPOCTEP ten como principal obxectivo pór en uso as boas prácticas conseguidas para a prevención de grandes incendios forestais entre España e Portugal e favorecer a continuidade das mesmas. Deste obxectivo xorde a necesidade de impulsar novos proxectos, acompañándoos co coñecemento adquirido durante o proxecto e os anos de experiencia dos socios.
O prazo para inscribirse no accelerathon péchase o próximo 23 de maio e a partir de aí empezarase a traballar tanto no desenvolvemento da proposta como no networking necesario para levar a cabo o proxecto. O 21 de xullo, tras a deliberación do xurado, coñecerase a idea gañadora do Accelerathon FIREPOCTEP a través dun webinario final.
A iniciativa de aceleramento, organizada por FINNOVA en colaboración con diferentes socios do consorcio, consta de catro fases:
-Fase de inscrición: para inscribirse é necesario ter unha idea innovadora relacionada coa xestión forestal ou prevención e extinción de incendios no territorio español e/ou portugués. Valorarase que sexa unha proposta transfronteiriza. Non é necesario que estea desenvolvida en profundidade.
-Fase de traballo e mentorización: a organización unirá en grupos de traballo aquelas ideas que se complementen ou reforcen. Traballarase no desenvolvemento e viabilidade da proposta.
-Clausura: trala deliberación do xurado, elixirase a proposta gañadora.
-Proposta final: o premio do Accelerathon FIREPOCTEP consistirá na mentorización e o acompañamento da proposta gañadora por parte de Finnova ata a súa presentación oficial na convocatoria de financiamento europeo Life+.
A fundación FEUGA, como socia colaboradora, formará parte do xurado xunto con outros socios como BALAM Galpagro, Universidade de Évora e Cimbal, ademais de achegar a un dos mentores expertos no programa Life+ que aconsellará e guiará aos participantes.
FIREPOCTEP lanza un accelerathon na procura de ideas para o sector forestal en España e Portugal
Compartir Este Artigo

