Este luns 25 de abril daba comezo a segunda edición do Curso Superior de Ciberseguridade, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Centro Criptolóxico Nacional, unha proposta que se estenderá deica o 23 de xuño e que contou con medio cento de empregados públicos da Administración autonómica, concellos e universidades na súa apertura.
Indo ao curso en cuestión, sinalar que achega máis de 100 horas lectivas en formato semipresencial, buscando proporcionar aos empregados das diferentes administracións públicas unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas e dos riscos que comporta o seu uso e ofrece unha guía de boas prácticas para afrontar a xestión destas situacións.
A xornada de inauguración celebrada na mañá de onte contou coa intervención do xefe da subárea da AMTEGA, Gustavo Herva; o xefe da Área Normativa e Servizos de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional, Pablo López e a clase maxistral do experto en ciberseguridade, Antonio Fernandes.
Gustavo Herva salientou a alta demanda deste curso con máis de 300 solicitudes nesta segunda edición e subliñou a pertinencia da súa convocatoria nestes tempos nos que a tendencia das ameazas medrou nos últimos anos por mor dunha conxuntura internacional complexa en canto aos riscos na seguridade da información.
Neste senso o xefe da subárea da Axencia autonómica lembrou que o fortalecemento do ecosistema da ciberseguridade galego é unha prioridade para a Administración autonómica. De aí que Galicia fose a primeira comunidade en poñer en marcha unha estrutura de cooperación público-privada en materia de ciberseguridade, o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal en xullo de 2020.
A prioridade dende a Administración autonómica é a mellora do nivel de concienciación da cidadanía e empresas en materia de ciberseguridade, para facer fronte á situación actual, na que, seguindo a tendencia do resto de España, unha quinta parte dos delitos cometidos en Galicia correspóndense xa con estafas realizadas a través de canles telemáticas.
Arestora desde o Nodo estase a traballar para ampliar a carteira de servizos de ciberseguridade, tanto para o sector público autonómico como para a Administración local e outras administracións públicas galegas, a cidadanía e o tecido empresarial, en particular as PEME e os autónomos.
Pola súa banda a Xunta vén de activar un decálogo de medidas para facer fronte aos novos retos e á ciberdelincuencia na Comunidade. Así, está prevista a construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia que achegará servizos especializados, fomentando a extensión dunha cultura de ciberseguridade en Galicia e dando apoio á industria da ciberseguridade e ao I+D+i nesta materia.
Está en marcha tamén dende decembro un proxecto de mellora da ciberseguridade en administración local, cidadanía e empresas, en colaboración coas deputacións e a FEGAMP.
En canto á cidadanía e ás empresas, levaranse a cabo actividades de formación e concienciación, así como accións de divulgación de información sobre ciberseguridade, a través dun novo portal web adicado.
Inaugurado o 2º Curso Superior de Ciberseguridade da Xunta e o Centro Criptolóxico Nacional
Compartir Este Artigo

