A operadora de orixe galega R vén de lanzar un innovador servizo de monitoraxe e xestión de redes deseñado de xeito específico para as empresas. Chámase Thea e foi concibido para facilitar o control sobre as infraestruturas TIC dun negocio e tamén para dar pasos en materia de dixitalización e competitividade. Os piares básicos sobre os que se apoia Thea son os seguintes: a Internet das Cousas (IoT), a análise de datos a gran escala (Big Data) e a automatización robótica de procesos (RPA polas súas siglas en inglés) en modo servizo.
En termos máis concretos, The permite ás empresas a entrada, o almacenamento e a análise da información xerada por distintas fontes TIC en tempo real; a incorporación de ferramentas e autómatas software para a dixitalización e optimización de procesos de operación e xestión TIC; e o aproveitamento dos datos garantindo a dispoñibilidade, o rendemento e a seguridade dos servizos “en todo momento”, segundo informa a operadora.
“Trátase dun servizo pioneiro deseñado e desenvolvido pola nosa empresa, baseándose na escoita das necesidades que lle expoñen no día a día as empresas de Galicia que lle confiaron os seus servizos de telecomunicacións: solucións baseadas na analítica de datos, con monitoraxe en tempo real das súas distintas sedes e centros de procesos de datos, entre outras funcionalidades”, engade R, poñendo o foco nunha das grandes vantaxes da plataforma: ceibar ás empresas galegas de ter que investir recursos económicos e humanos en sistemas de seguimento e contro ad hoc, “xa que agora poden contratar en modo servizo esta plataforma tecnolóxica”.
Con Thea, explica R, “as empresas poden, dende unha única ferramenta e de maneira completamente autónoma, facer seguimento do estado da súa rede de comunicacións e as súas máquinas virtuais, realizar operacións sobre os equipos e automatizar as máis repetitivas, ademais de facer seguimentos de posibles incidencias”.
A ferramenta tamén destaca porque posibilita definir regras e mensaxes de aviso ao usuario para coñecer o estado da súa rede sen que este teña que acceder ao panel de forma proactiva.
A operadora engade que de xeito adicional pódese completar Thea con tecnoloxía RPA, a través dun bot de automatización de procesos bautizado como Sandra, que utiliza as ferramentas de asistencia dispoñibles, interpreta os resultados e toma decisións en base aos parámetros preestablecidos. Sandra complementa, ademais, o labor das persoas, podendo realizar unha vixilancia 24×7 dos servizos controlados remotamente, así como auditorías e diagnósticos automáticos sobre os devanditos servizos.
Por certo que a plataforma Thea fai honra no seu nome á titánide da mitoloxía grega da cal procedía toda a luz.
R lanza Thea, plataforma que facilita o control sobre as infraestruturas TIC dun negocio
Compartir Este Artigo

