O proxecto Aquí medra a lingua, serie web do Consello da Cultura Galega destinada a mostrar proxectos escolares de dinamización lingüística, vén de engadir o sexto e último dos seus capítulos. Trátase dun audiovisual centrado na experiencia dos equipos de dinamización lingüística do CEIP Quintela de Moaña. O proxecto non conclúe aquí, xa que no vindeiro mes de xuño presentarase un documental de trinta minutos que ofrecerá, a partir do material reunido na media ducia de capítulos, unha panorámica xeral sobre o uso do idioma no ámbito escolar.
Segundo explica o CCG, Forxar un vínculo é o título da última entrega da serie Aquí medra a lingua. Nesta ocasión os protagonistas son os alumnos do CEIP Quintela de Moaña, “un centro situado nunha contorna fortemente castelanizada”. O seu equipo promove actividades cunha importante dimensión emocional, para espertar apego pola lingua e que o alumnado remate a Primaria podendo expresarse tamén en galego.
Nesta ocasión interveñen Belén Escariz Ferrín, Gloria Barreiro Cabanas, Enma Sequeiros Santomé, Tomé Barcia Martínez, Hugo Alves Nogueira, Mario Ríos Pérez, Mara Lemos Freire, Sofía Rodríguez Alvor e Beatriz Martínez.
O proxecto
Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG que coordina Carme Garcia Mateo, que busca amosar que as escolas son “un cómplice indispensable na lingua galega e da súa transmisión”. Segundo explican, as diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas que ofrecen “un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia”. Esta experiencia audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, está estruturada en seis capítulos que arrincaron os días pasados con O modelo Burela, e que fóronse subindo semanalmente xunto cunha ficha descritiva de cada centro a un especial do web do Consello da Cultura Galega.
A serie comezou o 21 de marzo co IES O Perdouro de Burela e logo seguiu co CPI da Saleta de Cea, co IES Félix Muriel de Rianxo (4 de abril) e co CEIP Barouta de Ames (11 de abril). Máis tarde estrouse o capítulo relativo á experiencia do CRA Nosa Señora de Ponteceso (18 de abril) e agora, o 25 de abril, o do CEIP Barouta de Moaña. Son seis centros que están espallados por toda a xeografía galega, que amosan as diferentes accións de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso. Ao remate, como dixemos, todas esas visións xuntaranse nun documental único que condensa todo o material e que ofrece unha visión realista sobre o galego na escola.

