A consultora galega Vitae vai organizar os días vindeiros, a cabalo entre maio e xuño, a segunda edición dunha actividade formativa que pon o foco nalgunhas das principais metodoloxías actuais para lograr as máximas claridade e calidade nos nosos proxectos, procedementos e produtos tecnolóxicos. Trátase do Curso Clean Code Avanzado: principios e patróns de deseño (PDF). Celebrarase en formato de aula virtual os días 24, 26 e 31 de maio e máis o 2 de xuño. Serán 12 de horas de contidos.
O miolo da actividade son os beneficios que reporta a un profesional a práctica do bo deseño. “Un bo deseño axúdanos sempre a crear bo software, ou sexa, programas doados de manter a longo prazo”, destacan dende Vitae, engadindo que se ben a análise e o deseño de arquitecturas limpas son sen dúbida tarefas complexas, non parten dende cero: “Podemos mellorar a nosa produtividade e calidade dos nosos produtos aplicando principios fundamentais e patróns de deseño xa probados. Os obxectivos do curso son os seguintes: por unha banda coñecer os principios fundamentais da programación robusta e, pola outra, aplicar os patróns de deseño máis axeitados durante o desenvolvemento.
O curso está dirixido principalmente a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. Terá unha duración de 12 horas cun “enfoque eminentemente práctico”. A persoa encargada de impartir os contidos será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores.
Vitae achéganos en maio a segunda edición do seu curso sobre Clean Code Avanzado e os principios do deseño
Compartir Este Artigo

