FEUGA vai ofrecer esta primavera un curso webinario moi indicado para facer voar a nosa empresa no camiño da excelencia, a transformación e a competitividade: un curso que pon o foco en como sacar o mellor do noso equipo profesional á hora de afrontar calquera tipo de proxecto. O curso Liderado para o crecemento e xestión do cambio desenvolverase os días 25, 30 e 31 de maio, e máis o 1 de xuño. Serán 12 horas de contidos, a desenvolver en horario de 9.30 a 12.30 horas.
Segundo informa a fundación a respecto dos porqués desta proposta formativa, a xestión do cambio é unha tarefa primordial de toda persoa directiva e líder empresarial, para quen resulta xa imprescindible, e máis nestes tempos de profundos cambios, como levar a cabo unha transformación empresarial de éxito.
Na actividade mostrarásenos como superar os principais atrancos que se opoñen ao espírito transformador: barreiras externas (que se refiren ao contexto da empresa) e barreiras internas (que engloban as políticas, procedementos, a cultura da empresa ou as propias persoas que poden ter temor ou resistencia ao cambio).
“Con este curso”, explican dende FEUGA, “conseguiremos identificar que técnicas e ferramentas son clave para executar con eficacia os proxectos nos que estamos mergullados e cales son os aceleradores do cambio que debemos implementar e como facelo”.
A actividade formativa está dirixida a persoas directivas; responsables de proxectos, áreas ou departamentos; mandos intermedios; responsables de negocio; profesionais interesados en mellorar a súa produtividade, xestionar o cambio e o seu crecemento persoal; e profesionais cuxo cometido sexa xestionar o talento e potencial dos seus equipos.
A persoa encargada de impartir os contidos será Conxi Pérez Andreu, experta en transformación na organización: combina a medición e xestión do cambio coa aplicación de metodoloxías de transformación rápida. Co-fundadora de RollDBox Games, e de In Movement. Ten unha dilatada experiencia en posicións de dirección de Tecnoloxías da Información (TI), impulsou e implantou iniciativas tanto no ámbito xestión, como de produción, R&D, vendas ou mercadotecnia en empresas do sector farmacéutico, enerxías renovables, industria-metal ou educación.
FEUGA móstranos nun curso como liderar procesos de transformación empresarial
Compartir Este Artigo

