ASPACE Coruña recibiu o I Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais da Deputación da Coruña polo proxecto Talentos Inclusivos, desenvolvido xunto co Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC) para “a creación de adaptacións e deseños tecnolóxicos que faciliten a integración das persoas con parálise cerebral”. A distinción foi entregada nun acto celebrado en Expocoruña o pasado 8 de abril.
Ademais de ASPACE Coruña, tamén foron premiadas outras dúas entidades sociais: Nuestra Señora de Chamorro e Utaca. No evento déronse cita centos de representantes do ámbito sociosanitario da provincia e serviu para poñer en valor a función e o servizo que dan á cidadanía estas tres entidades premiadas, que roldan os 50 anos de experiencia.
Apoiado polo Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta e o Concello da Coruña, Talentos Inclusivos ten o dobre obxectivo de espertar vocacións STEM entre a mocidade e, ao mesmo tempo, sensibilizar sobre a diversidade funcional, a través da colaboración entre equipos de traballo formados por estudantes de secundaria e usuarios de ASPACE Coruña para resolver retos tecnolóxicos propostos por persoas con parálise cerebral.
Talentos Inclusivos recibe o I Premio de Boas Prácticas da Deputación da Coruña
Compartir Este Artigo

