Este xoves 28 de abril as grandes protagonistas do noso ámbito tecnolóxico e científico foron sen lugar a dúbidas as nenas, mozas e mulleres. Así foi na celebración da edición galega do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day), que se celebrou como vén sendo habitual na sede do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), con conexión directa cos centros educativos da nosa terra: un total de 23 centros, implicando de xeito directo a máis de 1.200 estudantes (que contribuíron á xornada coas súas dúbidas, preguntas e suxestións).
O Día das Rapazas nas TIC, que recuperou o seu formato habitual logo da pandemia para esta décima convocatoria, veu novamente da man do CESGA e a Secretaría Xeral de Igualdade, contando coa colaboración de entidades como o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática, a axencia AMTEGA, as nosas tres universidades (UDC, USC e UVigo) ou Puntogal.
O acto foi inaugurado pola directora de GAIN e presidenta do CESGA, Patricia Argerey, e polo director do Centro de Supercomputación de Galicia, Luis Orosa; e contou coa intervención da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. Máis tarde, catro tecnólogas da nosa terra (Laura Martínez, Edita de Lorenzo, Lucía Ardao e Dhaunae de Vir) encargáronse mostrar as infinitas vantaxes e posibilidades (persoais, profesionais, creativas, divulgativas) que presentan os estudos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Tamén fixeron un chamamento ás mozas participantes na multi-conferencia a apostar de cheo por este tipo de carreiras, invertendo deste xeito unha tónica preocupante: a da cada vez máis escasa poboación feminina estudando materias tecnolóxicas.
Lorenzana e Argerey abriron as actividades
Como dixemos María Jesús Lorenzana e Patricia Argerey foron as encargadas de inaugurar as actividades do 10º Día internacional das rapazas nas TIC. Lorenzana avogou nun vídeo por aproveitar as “facilidades” que as novas xeracións teñen coas tecnoloxías para reverter os datos que evidencian que “tanto no eido formativo como no mercado laboral, persiste a desigualdade entre mulleres e homes no ámbito científico e tecnolóxico”.
A directora de GAIN, pola súa banda, animou ás nenas e mozas “a aparcar os prexuízos” e “a estudar aquilo que desexen e non poñerse límites, porque están igual de capacitadas que os seus colegas”.
Lembraron tamén que na actualidade, segundo datos da Comisión Europea, menos do 30% do sector TIC, sobre todo nos niveis de decisión, está formado por poboación feminina; en Europa, só o 19% das persoas emprendedoras son mulleres, que adoitan cobrar un 20% menos ca os homes. Asemade, fixeron saber que as matrículas en Informática nas universidades españolas están en descenso desde hai 30 anos, e soamente unha de cada tres persoas graduadas en carreiras STEM son mozas. No caso galego, “o alumnado feminino destas titulacións sitúase no 35%”, engadiron.
Noutra orde de cousas, Lorenzana adiantou que “co mesmo espírito que impulsa a conmemoración do Día internacional das rapazas nas TIC”, a Xunta está a rematar o III Programa Galego de Muller e Ciencia. Na súa segunda edición, esta iniciativa propiciou a incorporación de 524 mulleres á investigación e o ascenso doutras 20 a postos directivos entre 2016 e 2020
Participantes no coloquio
Este ano contouse coas seguintes representantes do panorama tecnolóxico-dixital galego, presentadas pola coordinadora da Área de eLearning do CESGA, María José Rodríguez Malmierca.
– Laura Martínez Calvo é unha licenciada en Farmacia pola USC, Máster en Investigación Biomédica e Doutora en Medicina Molecular cun traballo sobre técnicas xeoestadísticas no estudo de enfermidades complexas, en colaboración coa Harvard Medical School (Boston). Investigadora da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) no eido da xenética en cancro e enfermidades raras, incorporouse como Técnica Superior de Proxecto á iniciativa EuroCC: National Competence Centres in the Framework of EuroHPC no Centro Supercomputación de Galicia (CESGA).
– Edita de Lorenzo é profesora titular del Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións de UVigo. Foi a primeira directora dunha escola de enxeñaría de Galicia, a de Telecomunicación da UVigo. Ademais é vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e vicepresidenta da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e secretaria da xunta directiva da Asociación PuntoGal, amais de participar na Unidade de Muller e Ciencia de Galicia e no Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo. Tamén é co-fundadora da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte do IEEE.
– Dhaunae de Vir é oriúnda dos Ancares, pero actualmente reside en Bruxelas traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos, Paradox Interactive. É especialista en eSports e conta cun Máster en Xestión e Marketing de Esports pola Universidade Europeia de Lisboa. É deseñadora de futuros certificada polo Institute for the Future de Palo Alto. Está titulada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Oxford e en Transformación Dixital polo MIT. Amais de ser embaixadora das asociacións WomenTech Network e Women in Games, está a preparar a súa tese de Intelixencia Artificial para o Máster de Xestión Tecnolóxica da Open University.
– Lucía Ardao é Licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business e programa Executiva da Xunta de Galicia. A súa traxectoria profesional está vencellada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións (TIC), desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de dirección rexional e corporativa, de unidades de negocio e operacións. Actualmente é directora de Galicia e directora de Operacións do Mercado Global de Industria e Consumo en Minsait (Indra). Premiada polo Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) pola súa traxectoria profesional.
Efeméride do ámbito internacional
O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar as novas tecnoloxías da inforamción para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), a Asociación.GAL, a Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e a Oficina de Igualdade da USC, a Facultade de Informática da UDC, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da UVigo e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!
Desde 2012, o CESGA coordina o Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega Rapazas Emprendedoras Nas TIC.
Máis de 1.200 de estudantes da nosa terra participaron finalmente no Día das Rapazas das TIC
Compartir Este Artigo

