O Campus Crea da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) lanzou unha iniciativa web para situarse máis preto do alumnado e da cidadanía: un innovador catálogo de servizos que aglutina información das instalacións e dos servizos do campus e, tamén, da súa oferta formativa e da investigación que no campus se desenvolve. Segundo se fixo saber na presentación, trátase “dunha iniciativa pioneira no conxunto do sistema universitario español”.
Impulsada pola Vicerreitoría co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo e desenvolvida polas empresas Inova Labs e Can Academics, trátase dunha ferramenta web que articula á súa vez a información “dun xeito diferente” segundo catro perfís de acceso: os do alumnado, do persoal docente e investigador, das empresas e do público xeral.
O vicerreitor do campus, Jorge Soto; o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa; o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, e os representantes de Innova Labs e Can Academics Alba Valdés e Abel Estévez presentaron a ferramenta este xoves 28 de abril. Segundo dixeron, o obxectivo foi “crear o primeiro catálogo integral de recursos online da Universidade de Vigo e un dos pioneiros no ámbito estatal”. En palabras de Souto, “é un proxecto bastante innovador que pretende abrir o Campus Crea a toda a sociedade, concibido co foco posto na colaboración entre a Universidade e a sociedade e a colaboración coas empresas”.
A proposta foi deseñar unha ferramenta que unificase todos os recursos que ofrece o Campus e facelo “da maneira máis accesible para cada un dos segmentos que poidan estar directa ou indirectamente interesados”, explicou Valdés. O resultado final é unha “ferramenta dixital que unifica toda a oferta académica, de investigación, servizos e equipamentos do campus e que permite unha busca personalizada por perfís de usuarios”, establecéndose “catro segmentos” aos que lle presenta a información dun xeito diferente
Integrado na web do Campus Crea, este catálogo reúne información que “se atopaba dispersa en distintos repositorios” e nalgúns casos incompleta, e que se agrupou finalmente en “catro grandes bloques”.
O Campus Crea lanza unha innovadora ferramenta web con toda a a información dos seus servizos
Compartir Este Artigo

