Este venres 29 de abril Santiago acolleu a presentación das actividades do Día de Internet edición 2022, que se vai celebrar o vindeiro 17 de maio e cuxa axenda porá o foco, máis ca nunca, na necesidade de xuntar recursos para lograr a plena inclusión dixital dos colectivos excluídos das TIC, principalmente as persoas maiores, cos prexuízos que isto lles causa (por exemplo a imposibilidade de empregar a banca electrónica ou da eAdministración).
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, estivo acompañada neste acto polo presidente da Asociación Española de Internautas e do Comité do Impulso do Día de Internet, Miguel Pérez Subías; e pola representante da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Transformación Dixital de Castela e León, Graciela Parrilla, en nome da Presidencia da Asociación Somos Digital.
Galicia, a través de rede CeMIT, é a encargada este ano da coordinación das actividades do Día de Internet en representación da Asociación Somos Digital, que agrupa ás redes españolas de centros de competencias dixitais.
Xunto coa presentación das actividades e dun manifesto decálogo con medidas dirixidas á integración dixital das persoas maiores, a xornada acolleu a celebración dun webinar impartido pola investigadora da Comisión Europea Clara Centeno sobre o novo Marco Europeo de Competencias Dixitais GigComp2.2.
Trala intervención dun grupo de persoas maiores usuarias de centros de competencias dixitais, que compartiron as súas experiencias, presentouse o reto Camiña en Dixital, un percorrido virtual polo Camiño de Santiago a partir de distancias percorridas a pé polas persoas participantes que se transformarán en pasos virtuais na web creada especificamente para esta iniciativa. Ademais das persoas que asistiron fisicamente, o evento foi seguido de xeito virtual polas preto de 900 persoas inscritas de toda España.
Logros galegos
A directora da axencia AMTEGA salientou o traballo desenvolvido nos últimos anos na nosa Comunidade en colaboración cos concellos para a capacitación dixital da cidadanía. Lembrou que “cando hai unha década afrontouse como unha prioridade a universalización do acceso ao ámbito dixital, soamente un 26% das persoas de entre 55 e 64 anos accedían a Internet, unha porcentaxe baixaba ata o 6% no caso das persoas de entre 65 e 74 anos”. Porén, dixo, na actualidade son máis do 80% as persoas de entre 55 e 64 anos que navegan pola Rede, e un 53% no caso das persoas de entre 65 e 74 anos. Mar Pereira salientou que “só nos últimos cinco anos duplicouse o número de internautas de entre 55 e 75 anos en Galicia”. Máis de 280.000 persoas de Galicia neste treito de idade deron o salto ao mundo dixital dende 2015. Mar Pereira expresou a súa satisfacción polo feito de que “a nosa Comunidade fose elixida por Somos Digital para impulsar este ano as actividades do Día de Internet co foco posto nas persoas maiores”.
A directora da Axencia destacou o “papel esencial” da rede de aulas CeMIT nesta evolución. Así, dixo, “as 97 aulas públicas impulsadas pola Xunta en colaboración cos concellos levan ofertadas preto de medio millón de horas de formación gratuíta en tecnoloxía”. En termos máis específicos, explicou, este ano serán máis de 105.000 as persoas usuarias das aulas, das que cerca de 28.000 son maiores de 55 anos.
Pereita tamén fixo saber que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia puxo en marcha a finais de 2021 o Plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT cun investimento de 22,7 millóns de euros ata 2025. A través desta axenda, engadiu, “acometerase a transformación física e arquitectónica dos centros; a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro; a posta en marcha dun novo servizo de aula móbil; o reforzamento dos servizos dixitais e o servizo de apoio á formación e capacitación dixital da cidadanía”.
Galicia achegará ao Dia de Internet a sua experiencia na loita contra a fenda dixital dos maiores
Compartir Este Artigo

