Comezou o mes das Letras Galegas e este ano refórzase a vertente dixital das actividades previstas, en parte polo avance imparable das novas ferramentas, en parte polos hábitos de traballar, comunicarnos e informarnos online durante a crise pandémica. Como resultado, case todo o que rodea en 2022 á celebración da nosa escrita e, máis concretamente do legado de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, terá un reflexo ou un alicerce decididamente dixital. Isto é extensible á axenda da Real Academia Galega.
Entre estas actividades figura a publicación, na sección publicacións de Academia.gal, do discurso de ingreso na RAG de Florencio Delgado Gurriarán, onde lembra en primeira persoa como tivo que fuxir a México xunto a tantos outros cos que compartía ideoloxías e obxectivos vitais, o seu agradecemento co país que acolleu tantos exiliados despois da guerra civil e tamén o labor a favor da cultura galega que, xunto a outros paisanos, desenvolveu.
O texto acaba de ver a luz na sección de publicacións de academia.gal, nunha edición especial que mantén a lingua orixinal do autor.
Esta é unha das iniciativas coas que a RAG celebra a figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán, que levará o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas á súa aldea natal, Córgomo, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras.

Na intervención pronunciada en Valdeorras, Florencio Delgado Gurriarán quixo tamén expresar o seu agradecemento á acollida que deu a república mexicana aos exiliados españois e particularmente ao seu presidente, Lázaro Cárdenas, a quen chegou a dedicar un poema, Nenia a Tata (pai en lingua purépecha) Lázaro. “O noso exilio, que non nos desvencellou da Terra, foi bon para nós e para a nazón que nos acolleu. Houbo moitas e diferentes opinións encol de nós na terra anfritrioa, mais se fixésemos un inquerimento sobre eles comprobariamos que foron máis e millores as favorables”, escribía.
Serie documental
O exilio é tamén o eixe do terceiro dos cinco capítulos da serie web documental da RAG Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda, estreada o xoves 28 de abril. A narración audiovisual, dispoñible en academia.gal e na canle de Youtube da institución, arrinca co retrato máis próximo e íntimo do poeta. O episodio 2 conta a súa entrada en contacto co galeguismo organizado e a súa participación na resistencia republicana. Os dous últimos capítulos centraranse na poesía e na lingua dun autor que proxectou o galego de Valdeorras, que é tamén motivo de reivindicación a través da súa obra nestas Letras Galegas 2022.
A RAG está ademais a producir a serie de micropezas audiovisuais Polos vieiros de Florencio, que reúne voces de distintos ámbitos para ofrecer diversas olladas á figura do autor e á súa obra; difunde a través das redes sociais contidos como Palabras de Florencio, onde une a divulgación da poesía do homenaxeado coa difusión do léxico galego; e, poñendo o foco no público máis novo, convoca á comunidade escolar arredor de Primavera das Letras, páxina web na que se pode descargar a biografía de Florencio dirixida ao público infantil que asina Ledicia Costas e ilustra Blanca Millán.
Primavera das Letras ofrece ademais fichas para colorear a vida do Florencio neno creado pola escritora e a ilustradora, actividades interactivas e vídeos con homenaxes ao poeta de alumnado da comarca de Valdeorras.
A RAG enche as redes de contidos para coñecermos a fondo a vida e obra de Florencio Delgado
Compartir Este Artigo

