O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou a semana pasada dous dos documentais producidos ao abeiro do Fondo de Proxectos culturais Xacobeo 2021-2022, un sobre a figura de Vicente Risco e outro sobre o traxe galego. Segundo fixo saber, “trátase de materiais de acceso gratuíto para os espectadores que poden empregarse para o ocio ou a formación das persoas interesadas”. Están dispoñibles, de feito, no Portal da Lingua de Política Lingüística.
Na primeira das presentacións, sobre o proxecto audiovisual Persoas que alicerzaron a nosa cultura: Vicente Risco, de Tecnología Gallega y Comunicación SL, interviron tamén Luis Martínez-Risco, da Fundación Vicente Risco, e Luis Baños Campo, da produtora VisualQ. Este proxecto audiovisual, que contou co asesoramento da Fundación Vicente Risco, consiste nunha serie de seis vídeos de curta duración sobre unha das persoas que fundaron a nosa lingua e cultura modernas. Todos eles conforman unha peza completa que versa sobre as distintas facetas de Risco: artista, divulgador, etnógrafo, mestre, místico, literato, xornalista, pensador e teórico político. Con este material preténdese “dar unha visión renovada e rigorosa no contido e na forma da súa figura, para chegar a un público amplo, e, sobre todo, para que sirva de ferramenta pedagóxica”, sinalouse.
O outro dos proxectos é Técnicas de confección do traxe galego, de José Antonio Viñas Mira. Este documental ten o obxectivo de divulgar as técnicas empregadas para a confección tradicional en Galicia. Na presentación participaron Carlos Pérez, integrante de Queixumes dos Pinos; Antero Rodríguez, xastre do documental, e oito pandeireteiras da agrupación de Queixumes dos Pinos. No audiovisual, Antero explica a patronaxe, o corte e a confección das pezas que compoñen o traxe de home e de muller en catro territorios. Despois, elabóranse os complementos característicos de Santiago, da Maía, das Mariñas, da Terra Chá, de Ourense e de Pazo de Arenteiro. Tamén se analizan obras de pintores e de escritores que recollen a vestimenta tradicional (Fierros, Murguía, Carlos Sobrino, Suárez Castro, Román Navarro e Castelao).
No Portal da Lingua un audiovisual sobre Vicente Risco e outro sobre o traxe galego
Compartir Este Artigo

