Baixo o obxectivo de ampliar a actividade formativa recente dos Obradoiros Familiares do Plan Municipal de Prevención de Condutas Aditivas, a Concellería de Benestar Social de Pontevedra programou unha conferencia destinada a pais e nais na que se lles informará de todo o que precisan saber para garantir navegacións seguras entre os máis pequenos da casa ao tempo que adquiren coñecemento para saber identificar riscos, amezas e delitos.
A charla Aspectos legais relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) celebrarase na Casa Azul (rúa Sor Lucía, 2 – 2º andar) o mércores 8 de xuño, en horario de 18:00 a 20:00 horas, e será impartida por José Torres Meira, experto universitario en Investigación da Ciberdelincuencia, responsable do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra e diplomado como especialista en Privacidade e Seguridade nas Redes Sociais polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e como especialista na Análise de Evidencias Dixitais polo Centro Nacional de Excelencia en Ciberseguridade (CNEC).
O concelleiro de Benestar Social, o socialista Marcos Rey, animou a tódolos proxenitores interesados a participar nun obradoiro que cualificou de “esencial para comprender como protexer aos nosos fillos e a nós mesmos no contexto dunha sociedade dixitalmente alfabetizada e que cada vez se comunica máis mediante redes sociais”.
Para asistir a esta conferencia de balade é necesario realizar inscrición previa, remitindo un correo a planadiccions@pontevedra.eu, indicando nome e apelidos, teléfono, correo electrónico e idade do/s fillo/as.
Benestar Social de Pontevedra mostra ás familias como identificar riscos nas TIC
Compartir Este Artigo

