A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou hoxe o curso monográfico A intelixencia artificial na Administración, que reunirá durante dous días en Santiago a destacados xuristas, investigadores e empregados públicos para analizar a implantación dos sistema de intelixencia artificial no ámbito público.
Na inauguración, Sonia Rodríguez-Campos estivo acompañada polo director do curso, o catedrático de Dereito Mercantil da Universidade Complutense de Madrid e avogado, Carlos Lema Devesa, e o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, Eduardo Gamero Casado.
A directora do organismo fixo especial fincapé na transcendencia da IA, que permitirá axilizar os procesos da Administración pública e mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos. “A intelixencia artificial está chamada a transformar a Administración tal e como a coñecemos”. E engadiu que “temos a oportunidade de implantar novos sistemas que melloren a vida da cidadanía, que impulsen a nosa competitividade e permitan unha rápida recuperación trala pandemia”, afirmou.
Ademais, a directora da Escola destacou a importancia da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2021-2030, a cal prevé que esta tecnoloxía mellorará o modelo de relación das administracións cos cidadás e permitirá convertir o gran volume de datos que manexa o sector público nun activo para optimar os servizos públicos prestados e mellorar a fiabilidade na toma de decisións.
Por último, Sonia Rodríguez-Campos sinalou que o uso da intelixencia artificial tamén supón riscos significativos, que poderían ser incompatibles cos dereitos fundametais dos cidadáns. “Refírome á opacidade, aos riscos na toma de decisións, á imprevisibilidade ou ao comportamento parcial dos sistemas”. Neste sentido, lembrou que se está a tramitar unha proposta da Comisión Europea de Regulamento sobre IA, que prevé o establecemento dun marco xurídico sólido e flexible.
Trala súa intervención, o curso contou coa participación dos catedráticos de Dereito Administrativo da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, Eduardo Gamero Casado, e da Universidade de Oviedo, Alejandro Huergo Lora.
Xa pola tarde, o profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, Pablo Fernández Carballo-Calero, tratará no seu relatorio sobre a relación entre a intelixencia artificial e o dereito á propiedade intelectual, e a interventora do Concello de Chiclana (Cádiz), Eva María Mota Sánchez, expoñerá as claves da intelixencia artificial e o control da Administración local: auditoría algorítmica.
Un curso da EGAP afonda na Intelixencia Artificial no ámbito público
Compartir Este Artigo
