Orange presentou hoxe en Santiago de Compostela os resultados dos 13 casos de uso que desenvolveu en Galicia no marco do seu proxecto do Plan Nacional 5G. A nosa comunidade foi o escenario de dous proxectos do Plan Nacional e un proxecto propio do Plan Galicia 5G. En total, desenvolvéronse 30 probas de uso de esta tecnoloxía en aspectos como a asistencia médica en calquera lugar, a loita contra os incendios, a banca en áreas rurais, a educación, o deporte, o turismo, o agro… Estas probas implicaron un investimento de máis de 22 millóns de euros e mobilizaron cerca de 40 entidades públicas e privadas.
Este posicionamento de Galicia como rexión de referencia cara ao despregamento desta tecnoloxía fixo que Galicia acollera a primeira experiencia mundial de roaming en 5G e Vigo e A Coruña están entre as primeiras cidades de Europa en dispoñer desta tecnoloxía.
No acto de Orange a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou que Galicia foi “un excelente campo de probas da 5G” e destacou como obxectivos que as operadoras avancen no despregamento territorial desta tecnoloxía e que os casos de uso que foron un éxito se implanten como solucións reais nos diferentes ámbitos produtivos.
A directora da AMTEGA indicou que, na última década, “os resultados das políticas de transformación dixital permitiron a Galicia avanzar na converxencia coas rexións máis avanzadas de Europa”. Estes resultados permiten agora “afrontar unha nova etapa e falar do desenvolvemento en Galicia da 5G, da Intelixencia Artificial, dos servicios na nube, da robótica e a automatización de procesos…”. Os proxectos pilotos de 5G mostran a importancia de aplicar estas tecnoloxías dende unha fase temperá do seu desenvolvemento. Segundo manifestou Mar Pereira, Galicia pode facelo “ao dispoñer dun sector tecnolóxico maduro e unha sociedade cada vez máis preparada”.
O presidente de Orange España, Gervais Pellisier, e seu
conselleiro delegado, Jean-François Fallacher, tamén tiveron
un encontro co presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Orange di considerar a Galicia unha das rexións chave para o desenvolvemento da súa actividade e quere contribuír de forma decidida á súa transformación dixital para impulsar as súas posibilidades de crecemento futuro, tal como quedou de manifesto no encontro celebrado entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; Gervais Pellisier, Presidente de Orange España; Jean-François Fallacher, CEO da compañía e Luz Usamentiaga, directora xeral de Regulación, Asuntos Públicos e Sustentabilidade de Orange.
En concreto, a compañía leva investidos en Galicia máis de 1.900 millóns de euros en conectividade, dos que 101 millóns dedicáronse a fibra óptica, o que se traduce en 670.000 fogares e comercios conectados en 70 municipios; e 227 millóns investíronse en despregamento 4G e 5G, o que posibilitou coberturas do 97,1% e 66%, respectivamente. Desta maneira, Orange xera preto de 2.400 empregos en Galicia, entre directos e indirectos e conta con 81 puntos de venda.
