A Deputación de Pontevedra, a través do programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME, oferta esta semana catro novas formacións impartidas de xeito online, co obxectivo de facer avanzar o proceso de transformación de pequenas e medianas empresas, persoas autónomas e cidadanía en xeral. Os talleres tratarán temas como o posicionamento en motores de procura con SEO e SEM, fabricación dixital con Onshape, deseño de imaxes para preimpresión e medios dixitais ou estratexias de mercadotecnia por correo electrónico con Benchmark Email.
Este luns 4 de xullo, a araduada en Publicidade e Relacións Públicas, Laura Carrera, impartirá unha formación na que ensinará a buscar as palabras clave adecuadas para un correcto posicionamento nos motores de procura que garanticen un oco no mercado online no taller Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM.
O martes 5 de xullo, Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, impartirá unha das últimas clases do obradoiro sobre fabricación dixital co programa Onshape. Neste curso en formato mixto, véñense combinando clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. O curso Fabricación dixital. Debuxo con Onshape VII – Proxecto Final I ten como obxectivo familiarizar aos asistentes coas ferramentas implicadas nun proceso de produción dixital.
O mércores 6 de xullo, Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, amosará os distintos aspectos sobre composición e deseño, ademais de diferenzas entre as imaxes que se subirán a contornas dixitais ou as imaxes que se usan para un acabado de impresión, no obradoiro Deseña e crea as túas imaxes para preimpresión e medios dixitais.
Finalmente, o xoves de 7 de xullo, desenvolverase unha acción formativa impartida polo enxeñeiro en Informática José Luis Taboada na que se amosará o uso adecuado dos correos electrónicos á hora de promocionar os nosos produtos ou servizos, ademais das funcionalidades do email marketing a e utilización da ferramenta Benchmark Email, no curso Optimiza a túa estratexia de email marketing con Benchmark Email.
SmartPEME comeza xullo con catro novas accións formativas de transformación tecnolóxica
Compartir Este Artigo

