
O curso tratará de “maneira divulgativa e accesible” as múltiples posibilidades que ofrecen as tecnoloxías da linguaxe e a Intelixencia Artificial para a creación de aplicacións e servizos de uso cotián baseados nas linguas. Tamén se presentarán os fundamentos científicos da IA e as tecnoloxías lingüísticas, xunto coas bases das aplicacións e os recursos que lle dan valor.
No seu transcurso afondarase nalgunhas das diversas iniciativas existentes a todos os niveis (gobernamental, académico e empresarial), que inciden no interese que ten para todas as linguas a súa presenza na sociedade, na economía, e, por tanto, no mundo dixital. Algúns exemplos representativos son o Proxecto Nós para o galego, o Projecte AINA para o catalán, o plan Gaitu para o euskera, o PERTE en español: nova economía da lingua para o español e as restantes linguas cooficiais do Estado, ou iniciativas europeas como os proxectos European Language Equality ou CLARIAH.
O obxectivo principal do curso é “difundir as múltiples posibilidades que actualmente ofertan a Intelixencia Artificial e as tecnoloxías da linguaxe natural para a creación de aplicacións e servizos de uso cotián como son os sistemas de sínteses e recoñecemento de voz, tradución automática ou os asistentes virtuais, entre outros”, explica o CiTIUS.
O programa do curso inclúe charlas, mesas redondas e obradoiros cun enfoque práctico e aplicado.
Esta actividade está dirixida a todo o público en xeral, e especialmente ás persoas interesadas nas aplicacións e servizos da IA e as tecnoloxías da linguaxe. De forma non exclusiva, estudantes de secundaria, universitarias/os (dos ámbitos tecnolóxicos, humanísticos e ciencias sociais) e persoas que na súa actividade profesional utilizan ferramentas baseadas nas tecnoloxías da linguaxe.
O Proxecto Nós organiza un curso de verán sobre tecnoloxías da linguaxe
Compartir Este Artigo

