A Xunta vai impulsar a creación e lanzamento de plataformas de venda online de produtos agroalimentarios de orixe e elaboración galegas. Para isto, mobilizará unha serie de axudas que veñen cun orzamento de 350.000 euros. Estes apoios veñen de abrir o prazo para seren solicitados, prazo que ficará aberto ata o 8 de agosto.
As actuacións subvencionables inclúen un proxecto de viabilidade comercial elaborado por unha empresa de consultaría especializada de acordo coas bases, ao que se atribúe un investimento máximo de 1.500€; e por outra banda, destínanse un máximo de 40.000 euros ao deseño e desenvolvemento do marketplace, ás campañas de mercadotencia e publicidade, á xestión integral do punto de venda en liña e ao deseño e creación de produtos sustentables de embalaxe para os envíos.
Entre as entidades que poden optar a ser beneficiarias destes apoios (que se concederán por concorrencia competitiva) están os concellos rurais galegos cunha poboación inferior aos 10.000 habitantes e os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR).
A orde de axudas, xestionada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellaría de Economía, Industria e Innovación, contempla a renovación do comercio e a promoción de sectores e produtos galegos “nun escenario no cal é preciso incrementar a competitividade da modalidade ao por menor e modernizar e adecuar o comercio de proximidade coa finalidade de mellorar a súa atracción comercial, así como adaptar os establecementos ás necesidades das persoas usuarias e que os consumidores alcancen así o servizo desexado”, expecíficase no proxecto, engadindo que o obxectivo da Xunta é “incentivar as iniciativas que xeren e fomenten a eficiencia e a modernización do comercio galego e, neste caso, mediante a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, o que representa un paso máis no proceso de transformación dixital destes espazos comerciais que deben adaptarse á nova demanda e perfil das persoas consumidoras”.
Aberto o prazo das axudas para crear e lanzar plataformas de marketplace agroalimentarias
Compartir Este Artigo

