A 22ª edición de XGN R Encounter rematou tras tres días nos que a informática e as TIC foron as protagonistas no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca. Unha cita que os organizadores cualifican de éxito, ao amosar a súa recuperación tras a pandemia, procurando consolidarse como a segunda LAN party do Estado.
Dende o pasado venres ata o domingo os preto de 800 participantes gozaron dunha velocidade de conexión de 20 Gbps e dunha gran estabilidade na navegación, o que permitiu unha boa experiencia de usuario e contribuíu ao éxito das actividades desenvolvidas durante a LAN party. Unhas condicións que ademais sitúan ao recinto Feira Internacional de Galicia Abanca como unha das instalacións con mellor conectividade de Galicia, debido ao esforzo realizado por esta empresa de telecomunicacións galega.
Quen se inscribiu nesta edición da gran LAN party galega puideron participar nun programa exclusivo que rematou coa entrega de premios das súas competicións.
A estas actividades da Intranet sumáronse as propostas da Extranet, a área de acceso libre da LAN party tanto para rexistrados como para visitantes, e a zona recuperou a presencialidade tras celebrarse en liña na pasada edición.
Punto de encontro lúdico e profesional
O perfil dos inscritos na XGN R Encounter 2022 correspóndese co de afeccionados e profesionais cunha idade media que segue medrando respecto ás anteriores edicións e se sitúa agora na trintena, onde a persoa máis nova ten 10 anos e a máis veterana, 53. A súa procedencia revela que acoden desde 18 provincias diferentes, na súa maioría de Galicia, pero tamén con presenza destacada de rexistrados de Madrid, Asturias ou Bizkaia.
Moitos deles sinalan, entre os seus intereses para acudir á LAN party, o seu valor como punto de encontro para intercambiar coñecementos e realizar contactos, o que demostra que esta cita conxuga á perfección a vertente lúdica coa profesional.
