Ao redor de 200 especialistas en diversas disciplinas relacionadas co patrimonio cultural de numerosos países vans dar cita desde este xoves en Santiago de Compostela no Congreso Internacional O patrimonio, unha responsabilidade compartida. O simposio, que dará comezo ese día ás 9 da mañá no Paraninfo da USC da Facultade de Xeografía e Historia, está organizado pola asociación Hispania Nostra, que, dende a súa páxina web, leva anos loitando poñendo o foco na necesidade de coidar os importantes tesouros que herdamos de quen nos precedeu, principalmente a través da sección Lista vermella, dende onde se lanzan periodicamente alarmas sobre os monumentos en perigo.
O obxectivo do congreso é “promover a necesidade da participación social na conservación do patrimonio cultural ao entender que este constitúe unha inmensa riqueza que pertence ao conxunto da sociedade”.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, xunto á presidenta de Hispania Nostra, Araceli Pereda, inaugurarán o congreso internacional ás 9.30 horas do xoves.
No simposio participarán especialistas europeos e americanos “que analizarán, desde diversas experiencias, a importancia da toma de conciencia da cidadanía, por ser a creadora e usuaria de todo o patrimonio cultural e, ademais, porque dela emanan tanto as normas protectoras como as institucións encargadas da súa aplicación e, por conseguinte, é a principal e última responsable da súa conservación”.
Europa Nostra, a quen Hispania Nostra representa en España, conmemora este ano 60 aniversario da súa constitución e, segundo avanza a organización do evento, “queremos que o congreso contribúa á celebración dun dos exemplos de supervivencia e boas prácticas na cooperación público-privada en Europa”.
Entre os relatores do congreso destacan Hermann Parzinger, presidente executivo de Europa Nostra e gañador da Gran Cruz de Alfonso X O Sabio; Araceli Pereda, presidenta de Hispania Nostra e Premio Nacional de Restauración e Conservación de Bens Culturais (2020); María Teresa Carballeira Rivera, catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela; Mechthild Rössler, ex-directora do Centro Patrimonio Mundial da UNESCO (Alemaña); Miguel Ángel Cortés Martín, ex-secretario de Estado de Cultura, ou Darlene McCloud, vicepresidenta de WMF-World Monuments Fund (EEUU).
Dentro do programa do Congreso Internacional incluíronse visitas ao propio Santiago de Compostela e a Touro.
Uns 200 expertos en patrimonio cultural danse cita este xoves en Santiago convocados por hispanianostra.org
Compartir Este Artigo

