Esta mañá tivo lugar a presentación da VII Xornada Exxperimenta en feminino, un acto no que estiveron presentes a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, xunto a profesoras, investigadoras e alumnas do Campus de Ourense da Universidade de Vigo que apostarán pola divulgación da ciencia, da tecnoloxía, da enxeñaría e das matemáticas con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebrará o 11 de febreiro.
O acto desta VII Xornada Exxperimenta en feminino, que se celebrará o 16 de febreiro, está aberto a escolares de Primaria, Secundaria e Bacharelato, feito que a conselleira sinalou como unha oportunidade perfecta para que as novas xeracións se impliquen no incremento da presenza da muller nos eidos da ciencia e da tecnoloxía.
Así, as e os escolares van ter a posibilidade de realizar experimentos científicos e tecnolóxicos e de
coñecer as titulacións impartidas na Facultade de Ciencias, na Escola Superior de Enxeñaría Informática, na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e na Escola Universitaria de Enfermaría do Campus ourensán. Rivo apostou por seguir asentando a tendencia da muller como referente na ciencia e na tecnoloxía, promovendo a eliminación dos desequilibrios e situando a perspectiva de xénero nun primeiro plano nos estudos e actividades científicas.
Pola súa banda, a titular de Promoción do Emprego e Igualdade lembrou que hai dous meses
entregaba o premio María Josefa Wonenburger a Concepción Paz Penín, enxeñeira industrial, catedrática e doutora pola Universidade de Vigo e directora do Centro de Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) desta mesma universidade. Alén deste premio, cómpre salientar que a Unidade Muller e Ciencia se creou precisamente para contar cunha área de traballo interdepartamental que transforme a ciencia e a tecnoloxía galegas, con accións desde a perspectiva de xénero. Nesa liña se sitúa tamén o III Programa de Muller e Ciencia, cuxo obxectivo é acadar un sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades, diminuíndo a fenda de xénero e situando ás investigadoras á fronte dos equipos. Asemade, hai que mencionar o VIII Plan estratéxico de igualdade entre mulleres e homes, presente en toda a actividade que desenvolve a Administración autonómica, de cara a unha igualdade real e efectiva; ou a nova Lei de igualdade que actualiza o marco normativo galego, situándonos á vangarda nese equilibrio entre mulleres e homes.
Ao longo deste ano 2024, tamén se introducirá un novo plan para aumentar a presenza feminina en sectores onde tradicionalmente predominan os homes, con axudas á formación e á contratación. Nese camiño tamén se avanza coa campaña Ti elixes, dirixida a escolares para conciencialos de que as mulleres deben elixir a súa profesión libres de prexuízos ou de estereotipos.
Alén disto e pensando en reducir a fenda de xénero nos postos directivos, estase a desenvolver (deica o 11 de abril) o programa formativo Lideramos, polo que 150 mulleres das catro provincias galegas participan en obradoiros ou sesións de traballo en equipo para reforzar as redes colaborativas.
Escolares de todas as idades participarán na VII Xornada Exxperimenta en feminino
Compartir Este Artigo

