Hai algo máis dun mes o creador de contidos galego coñecido como VirtuaNEStor anticipaba o desastre que estaba por chegar ao proxecto do xogo PC Fútbol 8, dando conta como a iniciativa xa nacía dun frustrado PC Fútbol 2024 (cancelado ante acusacións de estafa), facéndose eco de comentarios de desenvolvedores do xogo que terían abandonado o proxecto ante os impagamentos do seu responsable e achegando cada pouco tempo detalles que deixaban claro que non estabamos ante un desenvolvemento serio.
Moitas das veces que VirtuaNEStor sacaba algunha información sobre o tortuoso desenvolvemento de PC Fútbol 8, saía á palestra o seu responsable, Héctor Prats, a insultar e ameazar aos moitos críticos que xurdían en redes, que criticaban detalles como que aínda non se puidese ver o xogo final en acción cando supostamente levaría semanas rematado, ou non parasen de adiar o seu lanzamento con escusas moi pouco cribles.
Inicialmente o xogo tiña o seu lanzamento fixado para o 30 de abril, e co mes de maio moi avanzado recoñeceron que tiñan que adiar o seu lanzamento ata o 7 de xuño, pero en tal data o xogo tampouco se publicou, argumentándose que había problemas coa acreditación dos seus mecenas. Pero o días seguiron pasando, e o motivo do adiamento ía cambiando.
Chegou incluso a comunicarse aos que pagaron anticipadamente polo xogo que chegaría o pasado luns, o que claramente non aconteceu, e nas últimas horas a propia páxina web do xogo sufriu unha caída que a deixou fóra de servizo varias horas, recuperando a normalidade sen información sobre cando será o lanzamento de PC Fútbol 8.
Agora aseguran que Héctor Prats sufriu «un problema médico», motivo polo que non estaría a responder ás consultas que lle realizan estes días nin estea a devolver os cartos aos que están a reclamar unha devolución ante os reinterados incumprimentos.
Coméntase que as escusas de Prats son falsidades, e que o xogo está lonxe de poder lanzarse, xa que é un produto que basicamente «está roto», polo que podería tardar bastantes meses en poder chegar a cumprir uns mínimos de calidade como para poder comercializarse e, en calquera caso, estaría moi lonxe das expectativas que tiñan postos sobre el os amantes da franquía PC Fútbol.
PC Fútbol 8 segue a acumular retrasos
Compartir Este Artigo

