A pontevedresa InprOTech foi a empresa adxudicataria pola Xunta de Galicia, a través da axencia AMTEGA, do contrato para a subministro, despregadura e prestación de servizos do Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade Industrial de Galicia, unha infraestrutura estratéxica que forma parte dunha iniciativa conxunta do Goberno autonómico composta por dous laboratorios e centros demostradores complementarios no ámbito da protección tecnolóxica.
Esta iniciativa enmárcase no proxecto RETECH – Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica, e desenvólvese en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE).
Segundo informou a empresa, este novo laboratorio suporá un salto cualitativo en protección tecnolóxica industrial coa “creación dunha das infraestruturas máis avanzadas do sur de Europa, reforzando as capacidades de Galicia neste ámbito e actuando de maneira complementaria ao segundo laboratorio impulsado pola Xunta dentro do mesmo programa RETECH”.
En conxunto, ambos os laboratorios conforman un ecosistema integrado que proporcionará a empresas, administracións e axentes tecnolóxicos unha contorna avanzada para a experimentación, formación, validación e demostración de solucións destinadas a salvagardar contornas produtivas e sistemas de control industrial (OT/ICS).
Ademais, o centro contribuirá ao aumento da competitividade internacional da industria galega, ofrecendo un espazo onde validar solucións antes da súa saída ao mercado, favorecendo a atracción de talento especializado e reforzando o posicionamento de Galicia como referente en ciberseguridade industrial dentro do marco dos laboratorios complementarios da Xunta de Galicia.
A proposta de InprOTech destacou polo seu alto nivel de especialización técnica e pola creación dunha contorna de probas real con laboratorios de ciberseguridade orientados á Industria 4.0 en coordinación co resto das infraestruturas complementarias impulsadas pola Xunta de Galicia no marco do programa RETECH.
O novo centro é unha infraestrutura crítica real, deseñada para reproducir con fidelidade escenarios industriais de alto valor estratéxico para a Comunidade Autónoma.
Despregaranse escenarios físicos que replicarán diferentes sectores industriais estratéxicos da economía galega, integrando maquetas do ciclo da auga, xeración e distribución de enerxía, alimentación, manufactura para automoción ou sector naval. “Estas maquetas”, informou a empresa, “permitirán simular procesos reais e analizar o impacto de ciberincidentes en contornas controladas”, e entre os exercicios que poderán realizarse destacan os seguintes: simulación de ataques que poderían paralizar liñas produtivas; avaliación do impacto de incidentes en sistemas de control; e formación práctica ante fallos operativos ou interrupcións de procesos.
O laboratorio combinará contornas físicas con plataformas de simulación multiusuario e capacidades remotas para equipos externos, permitindo “unha flexibilidade única”, en palabras da firma, que engade que “isto facilitará avaliar riscos, adestrar a profesionais e executar probas avanzadas sen afectar a contornas produtivas reais, reforzando a complementariedade co resto dos centros demostradores da Xunta de Galicia integrados en RETECH”.
O centro integrará solucións referentes do mercado para monitoraxe de tráfico OT, detección de activos e anomalías, habilitar devasas industriais, desenvolver auditorías e análises de vulnerabilidades, establecer correlación de eventos, e activar ferramentas avanzadas de resposta ante incidentes.
Máis aló do deseño e despregadura do laboratorio, InprOTech asumirá tamén a súa explotación, ofrecendo servizos orientados a fomentar a resiliencia, madurez e capacitación da industria galega. “A operación do laboratorio permitirá xerar un fluxo continuo de coñecemento, formar a novos especialistas OT e acompañar a empresas na súa evolución en ciberseguridade, contribuíndo de forma coordinada aos obxectivos globais da rede de laboratorios complementarios da Xunta de Galicia, desenvolvidos en colaboración con INCIBE”, sinalou InprOTech.
InprOTech desprega o novo Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade Industrial da Xunta
Compartir Este Artigo

