Afondar no estudo do contexto social, cultural, político e, sobre todo, tecnolóxico actual para traducir entre linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia en pantalla (e tamén fóra dela) é o eixo central sobre o que está a xirar a segunda edición do Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, ParatradIT, que se está a celebrar dende onte (mércores 25 e que se estenderá ata o venres, 27 de marzo) na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo. Organizado polo Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P) da UVigo, en colaboración coas universidades de Córdoba e Alacante, a este encontro están convocados 65 relatores e relatoras de sete países e preto de 200 asistentes chegados de máis dunha vintena de puntos do mundo.
“Nun momento no que a tradución se enfronta a desafíos como a dixitalización, a intelixencia artificial ou as narrativas transmedia, encontros como este convértense en espazos imprescindibles para pensar xuntos, debater e avanzar”, sinalou o docente e investigador do grupo T&P da UVigo e organizador do congreso, Óscar Ferreiro. Ferreiro tamén lembrou que ParatradIT ten a súa xénese no congreso techLING celebrado en 2021 e “en menos de cinco anos, fomos quen de organizar tres eventos internacionais, o que dá boa conta do dinamismo, da capacidade de colaboración e da forza deste proxecto”.
Amais de Ferreiro, os docentes e investigadores do Grupo T&P da UVigo, José Yuste e Ramón Méndez, organizadores do congreso co docente da USC, Enmanuel Claude Bourgoin, salientaron o seu carácter internacional e tamén incidiron na relevancia desta cita académica, agradecendo ás persoas asistentes a súa presenza. Yuste incidiu en que “nos tempos que corren a deshumanización progresiva nas actividades creadoras e recreadoras do exercicio profesional da tradución e a interpretación por mor do abuso da IA, resulta esencial a celebración destes eventos científicos, como este II Congreso para o intercambio de ideas e a creación de proxectos de investigación que fundamenten a principal aspiración do Grupo T&P desde os comezos da era dixital: propoñer a tradución como resistencia para a construción dun mundo mestizo e mestizante”.
Indo ao evento, de xeito presencial e en liña, as persoas asistentes seguirán ata o venres 27 de marzo as intervencións dos 65 relatores e relatoras de China, Arxentina, España, Reino Unido, Francia, Brasil e Portugal, centradas en tres temas: tradución e interpretación na era dixital (analizando como capitalizar de xeito positivo a (r)evolución dixital, tanto na docencia universitaria, como no exercicio profesional da tradución e a interpretación), a pedagoxía e a didáctica dixital das linguas e o uso das intelixencias artificiais no tratamento automático das linguas.
Tirando deste fío, os contidos relativos á tradución e interpretación na era dixital, os organizadores subliñan a importancia de que, ante o uso masivo das intelixencias artificiais e das memorias de traducións, cómpre reflexionar sobre que significa traducir na era dixital. Entre outros temas, abordarase o papel das memorias de tradución e se a dixitalización das tarefas da tradución está a derivar nunha minusvaloración profesional da figura do tradutor/a ao convertelo nun mero revisor.
En canto á pedagoxía e á didáctica dixital das linguas, compartiranse os resultados das investigacións e as experiencias cotiás da docencia dixital na aula, tanto dende o punto de vista do docente como do estudante. Para rematar, sobre o uso das intelixencias artificiais no tratamento automático das linguas falarase dos avances tecnolóxicos da lingüística informática no tratamento automático das linguas (escrita e oral), así como o diálogo entre a persoa humana e a máquina, sendo unha das ferramentas máis coñecidas a tradución automática.
A UVigo celebra a II edición do Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, ParatradIT
Compartir Este Artigo

