Cómpre poñer límites aos tipsters ou prognosticadores de xogos de apostas nas redes sociais. Esta é unha das conclusións dun estudo realizado desde a Universidade de Vigo e a Universidad Miguel Hernández de Elche (UMH). Consistiu nunha enquisa realizada a 782 rapazas e rapaces galegos que avoga por establecer límites ás estratexias de mercadotecnia das casas de apostas e de desenvolver mecanismos temperáns de prevención.
O estudo acaba de ser publicado na revista Journal of Gambling Studies, nun artigo titulado Who Do Tipsters Work For? Tipster Exposure and Adolescent Gambling. Está co-liderado polo profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense e da Área de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico Manuel Isorna e polo profesor de Psicoloxía Social da UMH Daniel Lloret.
Tamén participaron nel o investigador da Universidad Católica San Antonio de Murcia Mario Albaladejo e o investigador da Rede de Investigación en Atención Primaria de Adiccións (Riapad) e da Universidad Internacional de Valencia Víctor José Villanueva.
Os tipsters, comentan os autores do estudo, recomendan apostas deportivas a través de redes sociais, aplicacións de mensaxería e plataformas especializadas pero “lonxe da imaxe cinematográfica do corredor de apostas, oportunista e cunha pequena rede local de clientes, trátase dun fenómeno profesionalizado e de alcance global”. Así, din, “a súa estratexia en redes sociais consiste en xerar contidos que presentan o xogo como unha actividade rutineira, rendible e socialmente aceptada”.
Tal e como recolle o artigo agora publicado, no estudo realizado analizouse a relación entre a exposición a tipsters e diferentes variables psicolóxicas e condutuais relacionadas co xogo nos adolescentes. Para iso, o equipo investigador enquisou a 782 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Formación Profesional de Galicia, de 15 anos de media (44% homes, 56% mulleres). As e os participantes dividíronse en tres grupos: quen non coñecían aos tipsters, quen os coñecían pero non os seguían e quen si seguían os seus contidos. Os resultados, comenta o equipo investigador, amosan un patrón claro: os adolescentes que seguen a estes prognosticadores presentan maiores niveis de intención de apostar (tanto en plataformas online como en locais de apostas físicos), así como maior frecuencia de xogo e perfís psicosociais de maior risco. Tamén indican que os mozos que seguen a tipsters perciben menos os perigos asociados ao xogo, cren que é unha práctica máis estendida entre os seus iguais e amosan motivacións máis intensas para apostar, especialmente relacionadas co diñeiro.
O estudo detecta diferenzas por xénero, mostrando os mozos maior intención e frecuencia de xogo que as mozas.
Os investigadores comentan que, máis aló da súa aparente función informativa, este tipo de prognosticadores inflúen a través de dous mecanismos clave: por unha banda, reforzan a idea de que apostar é algo normal e socialmente aceptado; por outro, xeran unha falsa sensación de control ao destacar as apostas gañadoras e ocultar as perdas. Isto, subliñan, pode levar aos adolescentes a sobreestimar a súa capacidade para predicir resultados incertos.
O equipo que realizou o estudo expón a necesidade de “reforzar a regulación da mercadotecnia de afiliación no ámbito do xogo, especialmente en redes sociais”, así como de “desenvolver intervencións preventivas”. Entre elas, propoñen programas de alfabetización mediática dirixidos a familias e centros educativos, que axuden a identificar estratexias persuasivas, desmontar a ilusión de control e ofrecer unha visión máis realista dos riscos.
A UVigo participa nun estudo que alerta da influencia dos tipsters nas redes sociais
Compartir Este Artigo

