
A Xunta e o Consello da Cultura Galega impulsarán un proxecto dixital educativo para promover o coñecemento da xeografía, da paisaxe, da literatura e do patrimonio de Galicia. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a presidenta da entidade, Dolores Vilavedra, asinaron este martes un convenio de colaboración para desenvolver esta iniciativa, dirixida principalmente ao alumnado e ao profesorado dos centros educativos galegos, aínda que tamén poderá abrirse a outros públicos interesados nestes ámbitos.
O proxecto, cuxa posta en marcha está prevista para o vindeiro curso, pretende reforzar a presenza da lingua e da cultura galegas no ensino, ao tempo que favorece a divulgación da riqueza cultural e patrimonial de Galicia. Tamén permitirá experimentar con novos recursos dixitais baseados na aprendizaxe a través do xogo, da observación e da interpretación da paisaxe.

A iniciativa materializarase nun recurso web interactivo no que os usuarios poderán identificar distintos espazos de Galicia a partir da obra de Ramón Otero Pedrayo e das súas descricións da paisaxe galega, así como mediante diversas referencias culturais. Esta acción enmárcase na celebración do Ano Oteriano. Co avance do proxecto, prevese ademais incorporar outros autores e autoras ou novos enfoques culturais relacionados coa realidade galega.
O Consello da Cultura Galega será o encargado de elaborar os contidos literarios, culturais e territoriais. Pola súa parte, a Consellería de Educación, a través do Centro de Innovación Educativa e Dixital, colaborará no deseño educativo, metodolóxico e funcional da ferramenta, ademais de avaliar a súa adecuación como recurso dixital para os centros de ensino.

