
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou en Silleda as instalacións da empresa alimentaria Culinaria, beneficiaria do programa Nexos, a iniciativa da Xunta destinada a impulsar proxectos de I+D+i en colaboración co tecido empresarial. Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, coñeceu de primeira man o proxecto FoodMicrobIA, que pretende predicir e controlar os riscos microbiolóxicos na alimentación mediante o uso de intelixencia artificial (IA), co obxectivo de mellorar a seguridade e a calidade alimentaria de forma máis rápida, eficiente e rendible.
A iniciativa dispón dun orzamento de 1,38 millóns de euros, dos que máis da metade (767.602 euros) proceden do programa Nexos, financiado con fondos europeos Galicia Feder. O proxecto está promovido por un consorcio de catro empresas encabezado pola silledense Culinaria, no que tamén participan Proquideza (Lalín), a compostelá Dimensiona Consultoría Tecnolóxica e Gradhoc Smart, con sede en Bergondo. Ademais, colaboran os centros tecnolóxicos AINIA e ImasD Agroalimentaria.
Durante a visita, Román Rodríguez puxo en valor o carácter innovador da iniciativa, que incorpora tecnoloxías avanzadas como a intelixencia artificial para responder aos retos da industria alimentaria. O conselleiro asegurou que se trata dun «bo exemplo» da colaboración entre a Administración, as pemes e os centros tecnolóxicos e de investigación para desenvolver proxectos de I+D+i que «reforcen a competitividade e a capacidade innovadora do tecido produtivo galego e contribúan, así, ao crecemento da economía galega».
Ese é precisamente o propósito do programa Nexos, que actualmente apoia 37 proxectos de I+D+i nos que participan 138 empresas, cun investimento público de 22,6 millóns de euros. Espérase que esta convocatoria mobilice un total de 39,75 millóns de euros ata 2028 en ámbitos estratéxicos para Galicia, entre eles o agroalimentario.
FoodMicrobIA busca aplicar técnicas de microbioloxía preditiva apoiadas en intelixencia artificial. Para iso intégranse sistemas capaces de monitorizar de forma continua as plantas de produción e detectar de maneira temperá posibles contaminacións en tempo real. O proxecto tamén contempla o desenvolvemento de modelos de transferencia de calor, sistemas avanzados de control preditivo e procesos de hixienización adaptados aos riscos identificados polos algoritmos, así como novas ferramentas de comunicación co persoal mediante chatbots especializados no intercambio de información sobre riscos microbiolóxicos e medidas de prevención.
O consorcio reúne empresas dos sectores agroalimentario, tecnolóxico e químico. Culinaria, á fronte da iniciativa, está especializada en servizos de alimentación cunha orientación social, adaptando a súa oferta ás necesidades nutricionais das distintas etapas da vida. Na actualidade elabora máis de 25.000 pratos diarios e conta cun cadro de persoal formado por 350 profesionais.
Dimensiona Consultoría Tecnolóxica, distinguida co selo de Peme Innovadora, desenvolve actividades de consultoría e servizos no ámbito das TIC. Pola súa parte, Gradhoc Smart achega a súa experiencia en refrixeración comercial e industrial e en solucións tecnolóxicas orientadas á transición cara á Industria 5.0.
Completa o consorcio Proquideza, empresa especializada no deseño e fabricación de produtos químicos de limpeza e desinfección para os sectores agroalimentario, alimentario, da automoción, do mantemento e industrial. O proxecto conta tamén coa participación de AINIA, centro tecnolóxico especializado en innovación para os sectores alimentario, cosmético, químico e de envases, e do centro privado de investigación ImasD Agroalimentaria.

