
A última entrega do boletín Power On de Mark Gurman en Bloomberg sostén que Apple está a estudar unha renovación profunda da súa gama de reloxos para responder á transformación que está a experimentar o mercado dos dispositivos de saúde e fitness. O equipo de deseño industrial da compañía leva aproximadamente un ano analizando distintas alternativas, entre elas novos formatos, diferentes tamaños de pantalla e mesmo dispositivos sen pantalla.
O Apple Watch leva máis dunha década no mercado e, desde o seu lanzamento, a súa evolución estivo marcada principalmente por cambios incrementais. Apple introduciu modelos máis finos, versións de maior tamaño e a familia Ultra, ademais de ampliar as funcións relacionadas coa saúde, como o electrocardiograma, a detección de hipertensión ou os avisos sobre apnea do sono. Con todo, o concepto básico do produto mantívose practicamente inalterado.
A compañía de Cupertino considera agora que esa fórmula debe adaptarse ao avance de alternativas como as pulseiras de fitness e os aneis intelixentes. Produtos como os de Whoop ou Oura ofrecen formatos máis lixeiros e discretos, ademais de prescindir da pantalla nalgúns casos, e están a gañar presenza entre os usuarios interesados no seguimento da actividade física e da saúde.

Entre as posibilidades que Apple está a analizar figuran reloxos sen pantalla, diferentes tipos de paneis e tamaños e mesmo deseños circulares. Esta última opción tería poucas posibilidades de chegar ao mercado, pero forma parte das alternativas estudadas durante o proceso de deseño.
Tamén se contempla ampliar a gama por riba do Apple Watch Ultra e das edicións Hermès, así como desenvolver propostas máis económicas que o actual Apple Watch SE. A renovación tamén podería estar estreitamente vinculada á aposta de Apple pola intelixencia artificial aplicada á saúde. A compañía de Cupertino prepara unha nova versión de Siri con capacidades de IA e traballa nunha evolución das funcións de seguimento sanitario. A aplicación Saúde tamén forma parte desta estratexia e está a ser obxecto de plans de renovación baixo a dirección de Eddy Cue.

Antes de que cheguen estes cambios máis ambiciosos, Apple manterá unha evolución máis convencional da gama. Os futuros Apple Watch Series 12 e Ultra 4 recibirán melloras internas, incluído un incremento de rendemento que suporía a primeira actualización importante neste apartado en varios anos. Tamén se prevé o regreso da caixa de cerámica (que non vemos dende o Apple Watch 5), posiblemente este ano ou o seguinte, xunto con novas cores, correas e funcións relacionadas coa saúde e o exercicio.
O cambio de deseño, en todo caso, non parece inmediato. A intención sería que a evolución do Apple Watch teña unha dimensión comparable á transformación que experimentará o iPhone coa chegada do seu primeiro modelo encartable. Apple leva anos mantendo unha linguaxe de deseño moi estable no reloxo: o modelo Ultra conserva desde 2022 unha estética practicamente inalterada, mentres que a actual xeración Series 11 continúa baseada no deseño introducido coa Series 4 en 2018.

