
Cando parecía que o servizo de entrega mediante drons de Amazon era puro fume, anuncian a súa ampliación, coa intención de chegar a preto de 500 cidades e localidades de EE.UU. antes de que remate presente ano. A expansión multiplicará por seis a cobertura actual e permitirá ofrecer entregas ultrarrápidas a decenas de millóns de clientes.
Prime Air xa opera actualmente en 11 localizacións repartidas por dez áreas metropolitanas de sete estados: Arizona, Florida, Kansas, Louisiana, Michigan, Nebraska e Texas. Entre as localidades nas que xa está dispoñible figuran Phoenix, Tampa, Kansas City, Baton Rouge, Detroit, Omaha, Houston, Dallas, San Antonio e Waco.
O servizo ten previsto chegar proximamente ás áreas metropolitanas de Chicago (Illinois), Syracuse (Nova York), Cleveland (Ohio), Atlanta (Xeorxia) e Boise (Idaho), antes de continuar a súa expansión a outras comunidades ao longo do ano.
As bases de Prime Air cobren aproximadamente 175 millas cadradas cada unha e permiten recibir por dron millóns de produtos. A oferta inclúe alimentación, cosméticos, medicamentos, dispositivos electrónicos e artigos para o fogar, con produtos como iPhone, teléfonos Samsung Galaxy, AirTags, AirPods ou videoporteleiros Ring.
Poden enviarse por dron practicamente todos os artigos que pesen 5 libras (uns 2,3 quilogramos) ou menos e que caiban nunha caixa de grandes dimensións semellante á dunha caixa de zapatos. Segundo Amazon, isto fai que máis do 60 % dos produtos que os clientes compran con maior frecuencia sexan susceptibles de utilizar este sistema.
As entregas poden realizarse en tan só 30 minutos, aínda que a maioría dos pedidos chegan aproximadamente unha hora despois de completar a compra. Os clientes Prime dispoñen de entrega gratuíta en pedidos de 50 dólares ou máis, mentres que nos pedidos inferiores a esa cantidade se aplica unha tarifa de 2,99 dólares. Para os usuarios que non teñen Prime, a tarifa é de 4,99 dólares.
O sistema está integrado no proceso habitual de compra de Amazon, polo que os pedidos, o pagamento e a atención ao cliente se xestionan desde os mesmos servizos que no resto das entregas. No primeiro pedido, o usuario debe confirmar o punto no que quere recibir o paquete, que posteriormente pode manter ou cambiar para futuras compras.
A seguridade das operacións baséase en varios sistemas autónomos. Prime Air conta con certificación da Administración Federal de Avación (FAA). Os drons incorporan cámaras e sensores que lles permiten controlar o espazo aéreo, detectar obstáculos e tomar decisións durante o voo.
O sistema Detect-and-Avoid analiza continuamente o espazo aéreo e o contorno inmediato do dron para identificar posibles obstáculos ou situacións de risco. Durante a entrega, o aparello comproba ademais que non haxa persoas, animais ou vehículos na zona antes de depositar o paquete.
Amazon asegura que as cámaras non se utilizan para seguir persoas nin rexistrar os seus movementos. Os datos captados son procesados directamente polo dron para tarefas de navegación e seguridade e non existe unha emisión de vídeo en directo supervisada por un operador.
Os aparellos son totalmente eléctricos e están deseñados para funcionar con chuvia lixeira e diferentes temperaturas. Durante a entrega, o ruído mantense por debaixo do producido por un camión de reparto ao ralentí e dura aproximadamente 30 segundos, mentres que durante o voo a certa altitude o nivel sonoro é comparable ao dun ventilador doméstico funcionando a baixa potencia.
