
A Xunta de Galicia vén de pechar o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de axudas á transformación dixital das pemes, impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, con 399 peticións rexistradas. A cifra supón un 196 % máis que na edición anterior, na que se presentaron 203 solicitudes, e evidencia o interese das empresas galegas por avanzar na dixitalización para mellorar a súa competitividade, produtividade e capacidade de adaptación aos novos retos do mercado. Agora será necesario agardar á resolución da convocatoria para coñecer cantas solicitudes resultan finalmente concedidas.
A convocatoria conta cunha dotación de tres millóns de euros e permite apoiar proxectos destinados á implantación e posta en produción de solucións dixitais que melloren os procesos internos das empresas, as relacións comerciais e operativas con terceiros e a súa interconexión dixital na cadea de valor. A iniciativa busca así facilitar a incorporación de tecnoloxías que contribúan á modernización e ao crecemento empresarial.
Entre as actuacións subvencionables figuran os proxectos de dixitalización e automatización de procesos, a implantación de sistemas integrais de xestión, o desenvolvemento de interfaces e canles dixitais de relación con clientes e provedores, a mellora da función loxística, as actuacións de ciberseguridade e as solucións tecnolóxicas para a medición e seguimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG). A convocatoria incorpora tamén actuacións específicas relacionadas coas solucións na nube e en modalidade SaaS, adaptadas ás necesidades tecnolóxicas das pemes galegas.
A elevada demanda rexistrada mostra que esta liña de axudas responde ás necesidades das empresas e se consolida como un dos instrumentos para impulsar a transformación dixital e a modernización do tecido produtivo galego. Os proxectos apoiados deben contar cunha implantación efectiva e con resultados verificables, orientados a mellorar a eficiencia, a innovación e a competitividade das pemes.
O programa acumula unha ampla traxectoria desde a súa posta en marcha en 2018. Desde entón apoiáronse 1.421 proxectos promovidos por autónomos e pemes galegas, cun total de 28,55 millóns de euros en axudas que permitiron mobilizar máis de 70 millóns de euros en investimentos.
A nova convocatoria dá continuidade a esta liña de apoio á incorporación de tecnoloxías avanzadas por parte das pemes galegas, co obxectivo de reforzar a súa capacidade para afrontar os desafíos da economía actual e aproveitar novas oportunidades de crecemento.
