
A Xunta continúa avanzando na renovación do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) co obxectivo de ofrecer unha atención máis accesible, autónoma e áxil ás persoas demandantes de emprego. Neste proceso, incorporáronse novas funcionalidades de autoxestión á Oficina Virtual da Persoa Demandante de Emprego, entre as que destacan a ampliación das opcións para actualizar en liña o perfil profesional, o seguimento en tempo real das solicitudes presentadas e a posibilidade de tramitar a participación nos programas integrados de emprego, dos que vén de publicarse unha nova edición dotada con 11 millóns de euros.
As novas ferramentas permiten realizar por vía telemática un número crecente de trámites mediante un proceso guiado e estruturado, dispoñible as 24 horas do día, os sete días da semana, con seguridade e validez xurídica. A evolución do uso destas canles confirma a súa consolidación: as renovacións dixitais da demanda pasaron de representar o 33 % en 2019 a superar o 90 % na actualidade. Desde xaneiro de 2025 rexistráronse preto de 380.000 renovacións da demanda por esta vía e máis de 250.000 emisións do documento de alta e renovación da demanda de emprego (Darde).
As novas funcionalidades amplían as opcións de atención á cidadanía e complementan a atención presencial, que continúa garantida nas 54 oficinas de emprego galegas, independentemente do domicilio da persoa interesada. A estas canles súmanse a aplicación móbil Mobem e os novos caixeiros de autoservizo incorporados recentemente ás oficinas do SPEG. As medidas tamén contribúen a reducir a carga administrativa das oficinas e a reforzar o labor do persoal técnico, permitindo intensificar a orientación laboral personalizada e o traballo centrado na mellora da empregabilidade e na conexión co tecido empresarial.
Novidades da Oficina Virtual
As novas funcionalidades engádense ás que xa estaban dispoñibles, como a renovación da demanda de emprego, a súa recuperación en caso de baixa ou o acceso aos servizos de orientación laboral. A actualización do perfil profesional faise agora de maneira máis sinxela, xa que as persoas demandantes poden solicitar a incorporación ou eliminación de ocupacións, formación oficial e experiencia profesional, así como engadir información sobre permisos, carnés e coñecementos.
A Oficina Virtual incorpora tamén un novo espazo para consultar en todo momento o estado das solicitudes presentadas e mellora a área da demanda de emprego coa previsualización e descarga do Darde.
Tamén se habilita un formulario de contacto directo coa oficina de emprego para realizar consultas, comunicar incidencias ou solicitar información de maneira segura. A comunicación efectúase desde unha sesión autenticada, o que permite identificar plenamente a persoa usuaria.
A plataforma conta ademais cunha nova sección para presentar as solicitudes de participación nos programas integrados de emprego impulsados pola Xunta, simplificando o proceso de inscrición e favorecendo a tramitación electrónica. As actuacións complétanse coa actualización dos contidos e a reorganización dos trámites para mellorar a usabilidade e facer máis intuitiva a navegación.
A modernización do SPEG conta cun investimento de 8 millóns de euros por parte da Xunta en 2026. O plan inclúe tamén a renovación das oficinas de emprego e a consolidación da ferramenta EMi, que xa acumula máis de 114.000 perfilados competenciais para facilitar con maior eficiencia o encaixe entre a oferta e a demanda laboral.
