
Cruz Vermella Galicia achegou os días pasados un balance dos fitos acadados pola nova edición (a de 2026) da xira de divulgación tecnolóxica Enredando Tour AMTEGA, un percorrido que levou ao voluntariado da ONG por distintas localidades galegas coa renovada misión de achegar a tecnoloxía ás persoas “dun xeito próximo, útil e accesible”.
Ao longo destes meses percorreron centos de quilómetros, “convertendo prazas, rúas e espazos comunitarios en puntos de aprendizaxe, encontro e acompañamento dixital”. As sesións tiveron lugar en Corcubión, Val do Dubra ou Monfero ata Coruxo, Rois, Vilanova de Arousa, Cervantes, Portomarín, O Valadouro, Rábade ou no barrio do Tirimol en Lugo.
En palabras da Cruz Vermella, “cada parada foi unha nova oportunidade para demostrar que a transformación dixital tamén se constrúe desde o ámbito local e rural”.
Nesta edición participaron 142 persoas de toda Galicia, que se achegaron ao Tour para resolver dúbidas, descubrir ferramentas dixitais, perderlle o medo a determinados trámites tecnolóxicos ou “simplemente gañar confianza no uso dos seus dispositivos”, sinalou a Cruz Vermella no seu balance, salientando que “estes datos reflicten a importancia de seguir levando iniciativas de capacitación dixital a todos os recunchos de Galicia, especialmente aos territorios rurais, onde a tecnoloxía pode contribuír de forma decisiva á autonomía persoal, ao acceso a servizos e á participación social”.
A ONG tamén salientou a alta participación feminina nas actividades deste verán, unha realidade que “confirma o interese crecente das mulleres por adquirir novas competencias dixitais e seguir avanzando cara a unha maior autonomía tecnolóxica, contribuíndo tamén a reducir diferentes fendas dixitais que aínda persisten”.
Durante o Tour o voluntariado da Cruz Vermella achegou coñecementos de banca dixital, de Administración Electrónica, de seguridade na Internet, de aplicacións móbiles, de ferramentas útiles para o día a día e de novas experiencias tecnolóxicas.
Engadir que esta acción enmárcase dentro do proxecto Enredando e que conta co apoio da axencia autonómica AMTEGA. Comezou no ano 2020 para evitar procesos de exclusión social por motivos económicos, de xénero, idade, nivel educativo ou zona de residencia, entre outros.

