
A exposición Mundo expandido. Entre o físico e o virtual despedirase do Museo Centro Gaiás o vindeiro domingo 30 de agosto cunha cifra de preto de 35.000 visitas desde a súa apertura no pasado mes de febreiro. A mostra explora os límites da realidade física e da simulación dixital e afonda na omnipresenza e no impacto dos mundos virtuais na nosa sociedade.
A exposición está formada por máis de 80 obras que inclúen instalacións interactivas, videoxogos, obxectos históricos e pezas artísticas de creadores dunha ducia de países: Canadá, EEUU, China, Corea, Suíza, Grecia, Reino Unido, Italia, Francia, Nova Zelandia ou España.
Como lembraremos, Mundo expandido é un proxecto de Fundación Telefónica que chegou a Santiago de Compostela tras exhibirse en Madrid e Lima, achegando ao público galego esta reflexión colectiva sobre cuestións de actualidade como a intelixencia artificial, as identidades dixitais, ou a polarización e o acoso na Rede.

A mostra encádrase na liña de traballo da Cidade da Cultura de Galicia ao redor da tecnoloxía e as artes dixitais, un ámbito no que tamén se enmarca a construción do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia. Ata o vindeiro domingo aínda pode visitarse no Museo Centro Gaiás, en horario de 10,00 a 20,00 horas (excepto os luns) e con entrada de balde.
Segundo recordaron fontes da Cidade da Cultura, a exposición conta ademais con visitas guiadas gratuítas para mergullarse nun conxunto de obras que exploran a pulsión humana por crear novos mundos: “Nesta viaxe, o público achegarase ao nacemento da realidade virtual, os videoxogos en liña, as modelos virtuais ou a IA, pero tamén a unha escolma de obxectos históricos que nos transportan ás orixes da tridimensionalidade, descubrindo pezas como a caixa óptica, o diorama ou os visores estereoscópicos”, explícase na ficha da exposición.
Mundo expandido. Entre o físico e o virtual contou con visitas especiais dirixidas aos centros educativos e tamén cun programa propio de actividades que incluíu obradoiros infantís ou danza no museo. Estas propostas encadráronse na liña de programación Gaiás inspira, que abrangue diferentes accións divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, con actividades innovadoras para público tanto adulto como infantil e xuvenil, dirixidas a converter as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación e á aprendizaxe compartida.

