
Vithas e Fundación Vithas, referente en innovación e investigación sanitaria, puxo en marcha Vithas Data Space, un espazo de datos dixitais sanitarios interoperable. O obxectivo, sinalaron, é “estruturar unha contorna segura para compartir datos clínicos anonimizados”. O desenvolvemento deste ecosistema tecnolóxico conta co financiamento do Ministerio para a Transformación Dixital e a Unión Europea-Next Generation EU/PRTR.
Vithas Data Space é unha infraestrutura tecnolóxica e organizativa deseñada para facilitar o intercambio seguro e ético de datos sanitarios, impulsando a investigación médica de excelencia e a mellora de resultados clínicos. A xestión do proxecto coordínase de maneira conxunta entre Fundación Vithas e as direccións corporativas Asistencial e de Transformación Dixital de Vithas.
Segundo explican, “Vithas Data Space desprega a súa proposta de valor a través de servizos deseñados para potenciar a investigación e a eficiencia médica”. Entre os servizos ofrecidos, destaca o catálogo de datasets que integra metadatos e datos asistenciais anonimizados, incluíndo información relacionada con episodios clínicos, resultados de laboratorio, intervencións cirúrxicas e atencións en urxencias. “Este servizo facilita a exploración e xestión dos diferentes conxuntos de datos dispoñibles e permite a aplicación práctica dos datos en escenarios clínicos de alto impacto”, apuntan dende Vithas.
Un segundo servizo son os casos de uso, nos que se exploran tres escenarios que reflicten o potencial dos datos para optimizar a práctica clínica e facilitar a toma de decisións. Estes casos son o seguimento do mapa de resistencias e ferramentas para o uso de antibióticos, a identificación de pacientes para inclusión dos ensaios clínicos e a avaliación da eficacia de tratamentos farmacolóxicos de alto impacto.
O espazo de datos de Fundación Vithas está aberto á participación de distintos actores do ecosistema sanitario e de investigación, como organizacións asistenciais, centros de investigación, universidades e outros colaboradores, como empresas farmacéuticas e biotecnolóxicas.
“A idea”, engade Vithas, “é fomentar un modelo colaborativo no que cada participante pode achegar e consumir datos baixo un marco de goberno común, seguro e aliñado coa normativa vixente”.
Vithas Data Space apóiase nunha plataforma tecnolóxica despregada na nube, “deseñada para garantir escalabilidade, seguridade e flexibilidade” e que recorre a ferramentas tecnolóxicas de última xeración, como a intelixencia artificial, a análise da información a gran escala (Big Data) e os modelos analíticos preditivos.
Dende o grupo sanitario galego sinalan tamén que “o espazo de datos de Fundación Vithas cumpre coas directrices da Estratexia Europea de Datos e segue unha estrutura modelo Hub and Spoke, onde unha contorna centralizada (hub) xestiona os servizos comúns e a conectividade, mentres que as distintas contornas ou dominios (spokes) permiten o desenvolvemento e explotación de casos de uso de forma illada e controlada.”
Ademais, a arquitectura do sistema adopta o estándar global OMOP (Observational Medical Outcomes Partnership), o cal asegura unha linguaxe de datos unificado e vocabularios estandarizados que simplifican a análise e intercambio dos rexistros electrónicos de saúde.
Vithas Data Space permite a integración con sistemas externos, incluíndo contornas on-premise, facilitando un ecosistema híbrido. A xestión do dato baséase nunha arquitectura medallion (bronze, silver e gold).
Vithas ten unha importante implantación en Galicia, especialmente en Pontevedra e Vigo, onde xestiona o coñecido Hospital Vithas Vigo (antigo Fátima) e centros de diagnóstico e especialidades, colaborando decote coa sanidade privada e concertos públicos na zona.

