
A consultora galega Vitae, especializada na formación avanzada para profesionais do sector tecnolóxico, vai rematar o verán mergullándonos nas utilidades da intelixencia artificial á hora de formar os equipos humanos máis axeitados. Farao coa 6ª edición do curso Uso da IA Xenerativa para a Avaliación e Selección de Perfís TI. Terá 12 horas de formación e celebrarase xa cun pé no outono, os días 22, 24, 28 e 30 de setembro.
Porase o foco nas posibilidades que abre esta nova tecnoloxía (a IA Xenerativa) para “axudar a simplificar a complexidade e o traballo, tanto do deseño como da execución dos procesos de selección e avaliación do desempeño dos profesionais”.
Ademais, compartiranse coas persoas asistentes os recursos obxectivos de apoio avalados pola literatura científica, necesarios para o bo uso (consciente, racional) da IA Xenerativa. Trátase de respostas concretas e específicas que capacitarán aos asistentes sobre a maneira correcta e acertada de empregar a IA Xenerativa e “realizar as súas análises e conclusións sen alucinacións nin erros”.

Neste curso aprenderase a “adestrar” á IA Xenerativa para elaborar e deseñar perfís, dar forma ás competencias do perfil coas súas condutas clave, elaborar entrevistas ECO e ECE, crear mostras de de traballo e probas situacionais, xerar transcricións das entrevistas a texto para analizalas en profundidade coas ferramentas de IA Xenerativa e elaborar informes detallados e personalizados.
vitae_instagram93.jpg Incluiranse casos prácticos con perfís de operación como técnicos e perfís de xestión como xefes de proxectos. Empregaranse ferramentas IA gratuítas como ChatGPT, Gemini, Deepseek, NotebookLM e LM Studio para ver todas as súas posibilidades e, segundo informa Vitae, “non serán precisos servizos de pago para seguir o curso e realizar as prácticas, aínda que se recomenda contratar algunha ferramenta de pago polo menos durante o curso, como ChatGPT”.
Amais, comentaranse os aspectos legais do uso da IA Xenerativa nos recursos humanos e concretamente na avaliación e selección de profesionais.
O curso virá da man de Marcos Carbonell, profesional con máis de tres décadas de experiencia nos sectores do deporte, as novas tecnoloxías e os recursos humanos. Carbonell é diplomado en Empresariais, máster en Recursos Humanos e posgrao en Marketing e en Organización de Empresas. Dende 2006 é socio director de Vitae Consultores e tense responsabilizado, directa ou indirectamente, de máis de 1.000 procesos de selección cunha taxa de máis dun 90% de éxito.

