
Apple presentou a renovación profunda da súa liña de ordenadores de sobremesa compactos cos novos Mac mini e Mac Studio, acompañados polo salto xeracional dos seus semicondutores de desenvolvemento propio: a estrea do chip M6, fabricado mediante un proceso litográfico de dous nanómetros, e a chegada do M5 Ultra, o seu procesador máis potente ata a data dotado dunha arquitectura de catro matrices. A nova estratexia de hardware pon o foco no rendemento da intelixencia artificial no propio dispositivo, nas altas taxas de ancho de banda de memoria unificada e na incorporación de conectividade avanzada con portos Thunderbolt 5, Wi-Fi 7 e Bluetooth 6.

A evolución no silicio arrinca co chip M6, o primeiro compoñente de dous nanómetros da firma de Cupertino, deseñado para maximizar a densidade de transistores e a eficiencia enerxética. Este procesador integra unha CPU de 12 núcleos (composta por 2 supernúcleos de alta velocidade, 4 núcleos de rendemento e 6 de eficiencia) xunto cunha GPU de 12 núcleos que incorpora, por primeira vez nesta liña, aceleradores neuronais dedicados en cada unidade gráfica. O conxunto compleméntase cun dobre Neural Engine de 16 núcleos capaz de duplicar a potencia de cálculo en tarefas de aprendizaxe automática fronte á xeración precedente, admitindo ata 32 GB de memoria unificada cun ancho de banda que alcanza os 170 GB/s.
No chanzo superior da gama profesional debuta o M5 Ultra, que utiliza a tecnoloxía de interconexión UltraFusion para enlazar dous chips M5 Max de dobre matriz, xerando unha arquitectura cuádruple cun largo de banda interchip superior a 4,4 TB/s. Este deseño permite que os catro bloques actúen como un único sistema unificado dotado dunha CPU de ata 36 núcleos (12 supernúcleos e 24 de rendemento) e unha GPU de ata 80 núcleos con aceleradores neuronais en cada un deles. O SoC dispón ademais dun Neural Engine de 32 núcleos, soporte para ata 512 GB de memoria unificada cunha taxa de transferencia masiva de 1,2 TB/s e un motor multimedia reforzado con catro aceleradores de codificación e decodificación ProRes, decodificación AV1 e aceleración por hardware de H.264 e HEVC.

Esta plataforma de semicondutores articúlase nos dous novos equipos de escritorio. O Mac mini preséntase en dúas variantes principais: a versión base co chip M6 e un modelo de maiores prestacións equipado co M5 Pro. Este último eleva as especificacións ata unha CPU de 18 núcleos, unha GPU de 20 núcleos e un teito de 64 GB de memoria unificada con 307 GB/s de ancho de banda. Ambos os dous modelos incorporan conectividade sen fíos Wi-Fi 7, Bluetooth 6, Ethernet de 2,5 Gb de serie (con opción de ampliación a 10 Gb), dous portos USB-C frontais compatibles con USB 3 e unha toma de audio para auriculares de alta impedancia. Na parte posterior, o Mac mini con M6 ofrece tres portos Thunderbolt 4, mentres que a configuración con M5 Pro dispón de tres portos Thunderbolt 5, conector HDMI e soporte para a sincronización de cámaras e monitores profesionais mediante Genlock a través de USB-C. Estes equipos chegarán cun prezo de saída de 1.069 euros para a versión con procesador M6, 16 GB de memoria unificada e 256 GB de almacenamento (as versións con M5 Pro, 24 GB de RAM e 512 GB de capacidade xa partirían de 2.019 euros, deixando claro o seu enfoque máis profesional).

Pola súa banda, o Mac Studio actualízase para dar resposta a fluxos de traballo intensivos de investigación, desenvolvemento de software e produción audiovisual con configuracións baseadas nos chips M5 Max e M5 Ultra. A versión con M5 Max dispón dunha CPU de 18 núcleos, GPU de ata 40 núcleos con aceleradores neuronais e ata 128 GB de memoria unificada a 614 GB/s. O equipo introduce un sistema de almacenamento SSD que duplica a velocidade de transferencia de datos respecto ás xeracións anteriores, e integra ata seis portos Thunderbolt 5 compatibles con acceso directo remoto á memoria (RDMA), o que permite agrupar varios Mac Studio en rede para acelerar a inferencia distribuída de grandes modelos de linguaxe. A súa conectividade gráfica admite o control de ata oito monitores de xeito simultáneo ou catro pantallas Studio Display XDR a 120 Hz en resolución 5K. O seu prezo parte dos 3.029 euros para unha versión con M5 Max, 36 GB de memoria unificada e 512 GB de almacenamento, sendo posible equipalo cun procesador M5 Ultra de 36 núcleos, 256 GB de memoria unificada (está prevista unha versión con 512 GB de memoria para finais de outubro) e 16 TB de almacenamento por 20.729 euros.
O lanzamento de ambos os dous equipos coincide coa chegada do sistema operativo macOS 27 Golden Gate, que incorpora as novas capacidades de Apple Intelligence, a integración de Siri AI no sistema e as ferramentas de programación Core AI e MLX optimizadas para compilar e executar modelos locais directamente nos núcleos gráficos e neuronais dos procesadores.
Os equipos xa poden reservarse, prevéndose a súa entrega a partir do 22 de setembro, o que resulta bastante rechamante, xa que supón preto dun mes de anticipación entre a reserva e a entrega dos equipos, o que pode dar a entender que estamos ante unha presentación que busca liberar de peso a keynote de setembro na que se presentarán os novos modelos de iPhone.

