
O Concello da Caniza vai enfilar a recta final de agosto en clave tecnolóxica e convocando á rapazada arredor da vertente máis creativa das novas ferramentas. Estamos a falar da celebración da Xincana Tecno en Igualdade, que se desenvolve este semana o xoves e o venres 27 e 28 de agosto. A actividade encádrase na 3ª edición do Programa CLARA, unha iniciativa para promover a igualdade de oportunidades, previr a violencia de xénero e favorecer o benestar das mulleres e das súas familias.
Neste marco celebrarase a dita xincana este xoves e este venres no patio de xogos do CPI da Caniza: unha proposta dirixida a nenas e nenos de 7 a 14 anos que combina aprendizaxe, diversión, novas tecnoloxías e traballo en equipo. Desenvolverase a partir das 17:00.
A actividade ofrecerá diferentes experiencias para que as e os participantes poidan achegarse ao mundo dixital dun xeito práctico, creativo e seguro: voo de drons (circuítos, pequenas competicións por equipos e iniciación á programación básica de vehículos aéreos non tripulados), lentes de realidade virtual (unha experiencia para descubrir outros mundos e explorar as posibilidades desta tecnoloxía), tabletas e ferramentas dixitais (aprender a buscar información en Internet, explorar xogos en liña e utilizar diferentes recursos dixitais de forma segura e responsable) e unha Xincana Tecno Final (retos de habilidades, creatividade e resolución de problemas nos que será fundamental a colaboración e o traballo en equipo).
Con esta proposta, o Programa CLARA busca que os nenos e nenas se acheguen á tecnoloxía como un espazo de aprendizaxe, creatividade e participación, fomentando ao mesmo tempo un uso responsable e seguro das ferramentas dixitais. Os interesados poden inscribirse ata este xoves 27 de agosto.

