
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe a posta en marcha da 1ª edición do programa Xeración Emprende, que dará asesoramento á mocidade do rural en emprendemento e oportunidades laborais.
Farao a través dunha oficina itinerante que percorrerá distintos municipios galegos, e que se complementará cunha formación en liña e un encontro final presencial, onde as persoas participantes darán a coñecer as ideas ou proxectos deseñados no proceso. Na presentación do programa tamén participou a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.
López Campos adiantou que o programa bota a andar este mesmo venres, día 28, no municipio pontevedrés de Palas de Reis, e continuará o vindeiro luns, 31 de agosto, no concello ourensán de Celanova.
No entanto, aclarou que está aberta a inscrición para aqueles concellos que desexen formar parte de Xeración Emprende, inxerido no programa europeo de cooperación transfronteiriza con Norte de Portugal Desafíos Jovens, polo que fixo un chamamento á participación desta iniciativa coa que a Xunta “procura facilitar recursos e asesoramento directamente ao territorio, facilitando o acceso da mocidade e das mulleres do rural a novas oportunidades de desenvolvemento persoal e profesional”.
En canto ao desenvolvemento do programa, López Campos explicou que conta de tres fases, que comezan coa campaña da oficina itinerante cunha furgoneta que, entre finais de agosto e o mes de outubro, percorrerá os concellos que se inscriban, “achegando o emprendemento á mocidade e tamén ás mulleres a través dun formato dinámico, próximo e participativo”.
Avanzou que en cada municipio participant a furgoneta e un expositor servirán como punto de encontro da campaña e acollerán actividades prácticas e de sensibilización, “orientadas a espertar o interese polo emprendemento, identificar capacidades e talentos e fomentar a iniciativa para transformar ideas en oportunidades”.

Tras as actividades da oficina itinerante da furgoneta, as e os participantes interesados poderán acceder a un campus virtual de formación e activación profesional. Ao respecto, o conselleiro precisou que este espazo ofrecerá contidos prácticos e accesibles relacionados coa empregabilidade, o emprendemento, a comunicación e marca persoal, as ferramentas dixitais, a innovación e os recursos de apoio ao desenvolvemento profesional. Esta iniciativa permitirá que cada asistente poida “avanzar no deseño dunha idea emprendedora, dun proxecto propio ou dun itinerario de mellora profesional mediante un proceso guiado paso a paso”, sinalou.
Finalmente, López Campos deu a coñecer que o programa culminará cun encontro presencial no marco de Xuventude na Onda, “concibido como un espazo de encontro, aprendizaxe e para compartir experiencias e tamén de recoñecemento”. Nesta xornada presentaranse os resultados do programa, realizaranse actividades abertas ao público e entregaranse diplomas ás persoas que completen a formación en liña.
Ademais, neste encontro recoñeceranse os proxectos máis destacados desenvolvidos durante o itinerario formativo e contarase coa participación dunha persoa referente no ámbito do emprendemento, da innovación ou da creación de contido, que compartirá a súa experiencia coa mocidade participante.

