
Os Ministerios para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Economía, Comercio e Empresa, e para a Transformación Dixital e da Función Pública, anunciaron que están a avanzar “nun desenvolvemento ordenado e eficiente dos centros de datos”. No marco deste traballo conxunto, puxeron en marcha o trámite de audiencia pública, pola vía de urxencia, do Proxecto de Real Decreto polo que se regulan os requisitos de sustentabilidade enerxética, medioambiental e de resiliencia e soberanía dixital con aplicación aos centros de datos.
A proposta normativa recolle medidas en materia de resiliencia e soberanía dixital, como a obriga de que a operación do centro e o control dos datos asociados á operación correspondan a entidades suxeitas ao dereito da UE, e tamén en materia de sustentabilidade ambiental e enerxética, como a necesidade de consumir enerxía renovable de nova implantación, ademais de cumprir criterios de eficiencia enerxética e de consumo de auga.
A este respecto os ministerios indicaron que “o Goberno español volve ser pioneiro, anticipando medidas que se están debatendo no ámbito europeo e que España liderará desde esta posición avanzada”.
Lembraron que España conta cunha Estratexia de Intelixencia Artificial que estima uns 2,5 GW de potencia de computación en 2030, que necesitarían de 3,5 GW a 4 GW de demanda eléctrica. “Con todo”, apuntan, “as peticións e os permisos concedidos para este tipo de instalacións superan varias veces ese obxectivo, pola estratéxica localización xeográfica do país, o seu clima e o seu liderado en enerxías renovables: xa se outorgaron máis de 12 GW de dereitos de acceso e conexión á rede eléctrica desde 2021”.
Lembran tamén que “España está en disposición de escoller os mellores centros de datos, os que acheguen máis beneficios co menor impacto ambiental, e o proxecto normativo quere conseguilo, grazas ao establecemento de requisitos ás instalacións maiores de 1 MW de potencia eléctrica, por ser as que teñen unha incidencia territorial, hídrica e ambiental relevante”.
Requisitos de resiliencia e soberanía dixital
Para asegurar a contribución dos centros de datos á resiliencia e a soberanía dixital da economía española e europea, a proposta de decreto esixe que “quen opere a infraestrutura estea establecido na UE, que os datos, metadatos e rexistros que trate como parte da operación do centro permanezan no territorio comunitario; e que se controlen de forma efectiva os accesos desde terceiros países”.
O MTDFP, no exercicio das súas competencias, comprobará o cumprimento destes requisitos, cuxa vulneración pode derivar, en última instancia, na perda dos dereitos de acceso e conexión á rede eléctrica.
Requisitos de sustentabilidade ambiental e enerxética
Tendo en conta das grandes necesidades de auga e de enerxía dos centros de datos, o proxecto normativo dispón que cumpran cos mellores niveis de eficiencia enerxética e hídrica da etiquetaxe europea relativo aos centros de datos, que actualmente está a ser desenvolvido pola Comisión Europea en cumprimento da Directiva (UE) 2023/1791 de Eficiencia Enerxética.
Esta etiquetaxe inclúese no Regulamento Delegado (UE) 2024/1364, cuxa entrada en vigor está prevista para agosto de 2027. A proposta de decreto prevé que a partir dese momento poida esixirse o maior nivel da norma europea, a categoría A, tanto para a eficiencia enerxética como para a eficiencia hídrica, consonte o Power Usage Effectiveness e o Water Usage Effectiveness, segundo a terminoloxía da Comisión Europea. Ata que isto ocorra, fíxanse eses mesmos niveis, xa recollidos no borrador do Regulamento.
Ademais, infórmase, “do mesmo xeito que xa acontece coa produción de combustibles renovables de orixe non biolóxica ou coa produción de hidróxeno de orixe renovable, o proxecto regulamentario introduce a esixencia de que os centros de datos consuman enerxía renovable, que deberá ser como mínimo do 80% ata que a xeración renovable estea por enriba do 90% do mix eléctrico”.
Este consumo, con arranxo ao proxecto, deberá ser adicional, é dicir, cada novo megawatt consumido deberá vir acompañado dun novo megawatt renovable instalado nos 18 meses anteriores á entrada en funcionamento do centro, xa sexa mediante autoconsumo ou mediante contratos a prazo (PPA). Este abastecemento acreditarase hora a hora, é dicir, en cada hora de funcionamento, polo menos o 80% da electricidade consumida deberá ser enerxía renovable xerada esa mesma hora.

