
A operadora Toxo Telecom, firma de telecomunicacións de Ribeira con sede noutras comarcas e cidades como por exemplo Santiago de Compostela, confirmou novamente o seu apoio á SD Compostela co obxectivo de contribuír á súa traxectoria deportiva e, ao mesmo tempo, permitir importantes descontos e facilidades entre os seareiros.
En concreto, a aqueles que se dean de alta en Toxo Telecom e sexan abonados do Compostela ou que se fagan abonados esta tempada, devolveráselles o importe do abono nas súas cotas ata que lles saia de balde, segundo informou a operadora de telecomunicacións do Barbanza, engadindo que tamén poderán desfrutar, durante toda a tempada deportiva, dun 10% de desconto nos servizos contratados con Toxo.
A campaña encádrase coa vontade da firma tecnolóxica de ir “máis alá de achegar ao mercado galego fibra ou móbil”. Trátase, din, “de apoiar o que é de aquí, polo que por cada alta vinculada á campaña, colaboramos co club para seguir sumando xuntos”.
Como lembraremos, a colaboración entre Toxo e a SD Compostela formalizouse na creación de Compostel, a operadora de telefonía oficial do club que ofrece fibra, móbil e vantaxes exclusivas para os socios. Con esta iniciativa, os socios do Compos que contratan tarifas de fibra e móbil poden recibir a devolución das súas cotas de abono ata o importe total ou gozar de descontos especiais nas cotas do club.

