
A Universidade de Santiago vén de obter un novo recoñecemento aos seus modelos e procesos de transformación tecnolóxica, unha liña de traballo da USC que se dirixe a garantir que boa parte dos seus servizos administrativos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos.
O recoñecemento en cuestión consiste na renovación por un período de dous anos (2026-2028) do Certificado de Conformidade co Esquema Nacional de Seguridade (ENS) no seu nivel medio.
A USC salienta que a renovación desta certificación é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a través da unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, e a Área TIC, xunto co Comité de Seguridade da Información.
A institución compostelá continúa a pertencer ao grupo de universidades españolas que alcanzaron esta acreditación nos últimos anos, ademais doutras nove, Universitat Politécnica de Catalunya, Universitat Politécnica de Valencia, Universitat Jaume I, Universitat de Valencia, Universitat Autònoma de Barcelona, Universidad de Murcia, Universidad de Burgos, Universidad de Granada e Universidad de Alicante; sendo a única universidade galega que ten acreditada a conformidade ao Esquema Nacional de Seguridade.
A devandita acreditación abrangue os sistemas de información que dan soporte aos servizos de Xestión Académica, Xestión de Persoal, Sede Electrónica, Calidade, Deportes e Docencia Virtual da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, enmárcase dentro dun obxectivo estratéxico que a USC propuxo na programación plurianual desta institución na liña relativa ao impulso dun sistema de xestión da seguridade da información e da protección de datos.
Para quen non o saiba, o Esquema Nacional de Seguridade (ENS) persegue que os servizos electrónicos se presten adecuadamente, custodiando a información sen interrupcións ou modificacións fóra de control, velando porque a información non chegue a persoas non autorizadas e logrando así a confianza nos sistemas de información das Administracións Públicas.
A USC explica que o ENS está constituído polos principios básicos e requisitos mínimos necesarios para unha protección adecuada da información tratada e os servizos prestados, co obxecto de “asegurar o acceso, a confidencialidade, a integridade, a rastrexabilidade, a autenticidade, a conservación dos datos, a información e os servizos utilizados por medios electrónicos que xestionen as administracións no exercicio das súas competencias”.
