
A Xunta anunciou hoxe, a través da directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, que terá operativa neste segundo semestre do ano a aplicación móbil de EMi, a ferramenta de intelixencia artificial que, segundo lembrou Lado, xa posibilitou no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) máis de 115.000 perfilados por competencias (non só por titulacións) co gallo de dar pulo á inserción laboral da cidadanía.
Sinalou que esta nova app porá a disposición das persoas demandantes “non só a opción de que realicen os seus propios perfilados, senón tamén datos avanzados do mercado de traballo do concello, comarca e provincia de interese; as ofertas e cursos dispoñibles ou un xerador de currículos con IA”.
Estes e outros datos compartiunos Zeltia Lado durante a súa comparecencia a petición propia na comisión 5ª do Parlamento de Galicia, onde especificou que o xerador de CV da aplicación de EMi “adaptará o documento a cada ocupación partindo das competencias reais de cada persoa, ordenando e traducindo a súa experiencia á linguaxe coa que se describe ese posto no mercado co fin de aumentar as súas posibilidades de éxito”.
Será, dixo, “unha reorientación por competencias que se aliña co decreto pioneiro en vigor que regula o marco galego de microcredenciais para o traballo, que permite que empresas, clústeres, asociacións e colexios profesionais deseñen, impartan, avalíen e mesmo emitan esas microcredenciais, sempre supervisados pola Xunta”.

Canto aos datos territoriais aos que se poderá acceder desde a aplicación de EMi, procederán do Observatorio de Prospectiva do Mercado de Traballo —ata agora só en mans da Administración autonómica— para que unha persoa poida saber que ocupacións se están contratando na súa zona antes de decidir en que formarse.
A directora xeral referiuse a outras melloras no eido dixital como as que se veñen de implementar na oficina virtual de emprego, que, segundo recordou, “permiten modificar as ocupacións que se solicitan, comunicar saídas ao estranxeiro, trasladar a suspensión da demanda por enfermidade ou obrigas familiares de coidado, engadir experiencia profesional ao perfil, incorporar permisos de conducir e outras acreditacións”.
Lado aludiu tamén aos caixeiros autoservizo implantados nas 54 oficinas do SPEG para renovar demandas, rexistrar datos ou recoller documentos, contribuíndo a reducir a carga administrativa e a reforzar o labor do persoal técnico, intensificando a orientación laboral personalizada co foco na mellora da empregabilidade e na conexión co tecido empresarial. “Uns caixeiros que tamén se implantarán en concellos rurais, para achegar a atención á veciñanza desas contornas”, dixo, apuntando que “estas e outras melloras complementarán a atención presencial que seguirá plenamente garantida nas 54 oficinas do SPEG, ás que se pode acudir con independencia do lugar de residencia grazas á implantación do distrito autonómico único”. Apuntou a este respecto que “non se atende só con cita previa, senón que todos os días se ofrecen quendas para quen chega sen ela”.
Críticas do grupo socialista

No marco da comparecencia de Zeltia Lado, a portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen R. Dacosta, advertiu “que as novas aplicacións dixitais presentadas polo servizo de Emprego da Xunta dixitalizan as eivas da xestión do Goberno galego”.
A responsable socialista sinalou que “o problema non é de falta de innovación, senón de falta de dirección política” nunha xestión que fracasa no seu obxectivo de “orientar, formar, captar ofertas e conectalas coa demanda e conseguir a inserción laboral”. Engadiu que “modernizar non é presentar unha ferramenta nova cada poucos meses, é conseguir que unha persoa desempregada, viva onde viva, teña unha boa orientación e un itinerario formativo e laboral real”.
Sinalou que cando a ferramenta de emprego intelixente EMi e a súa aplicación asignan a un biólogo propostas ocupacionais como médico xeneralista, o que demostra que “non hai intelixencia artificial capaz de solucionar datos de partida insuficientes”. Dacosta dixo que “se a demanda de emprego non está correctamente elaborada, se faltan titulacións, experiencia ou competencias, a ferramenta vai traballar sobre unha fotografía incompleta desta persoa”.
Reclamou “unha programación formativa vinculada ás necesidades reais do mercado laboral, avaliación pública dos cursos de formación, orientación personalizada efectiva, profesionais suficientes e ben formados e resultados públicos”. Pola contra, sinalou que o Goberno galego realiza a programación formativa segundo as necesidades das empresas que dan a formación e non segundo as necesidades dos demandantes de emprego e das empresas.

