
Google DeepMind e Google Research presentaron WeatherNext 3, un novo modelo de intelixencia artificial para a predición meteorolóxica que incorpora datos de satélites en tempo real, actualizacións cada hora e unha resolución de ata 5 quilómetros. O sistema tamén introduce previsións específicas para a produción de enerxía eólica e solar.
WeatherNext 3 emprega mosaicos de datos procedentes de satélites xeoestacionarios actualizados cada hora xunto con datos históricos e observacións de estacións meteorolóxicas. Esta combinación permite xerar previsións máis frecuentes e detalladas que WeatherNext 2, que traballaba cunha grella global de 25 quilómetros e actualizaba os seus resultados cada seis horas.
A resolución máxima alcanza os 5 quilómetros para variables da superficie como a temperatura e a humidade, mentres que outras variables superficiais se representan a 10 quilómetros e as atmosféricas, como a velocidade do vento, a 25 quilómetros. En conxunto, a resolución global é aproximadamente cinco veces superior á do modelo anterior.
A incorporación de observacións meteorolóxicas reais pretende mellorar especialmente a predición en zonas onde as condicións poden cambiar de maneira notable nunha distancia curta, como áreas costeiras, vales e rexións montañosas. WeatherNext 3 tamén está deseñado para ofrecer previsións máis localizadas en rexións de América Latina, África e Asia-Pacífico, onde os modelos rexionais tradicionais requiren importantes recursos de computación.
A precipitación constitúe outro dos principais focos da nova versión. O modelo foi adestrado con datos do sistema IMERG da NASA, baseado en observacións por satélite, e cunha análise global das precipitacións baseada en datos de radar por satélite. Segundo as avaliacións presentadas por Google, WeatherNext 3 consegue melloras de ata o 60 % no CRPS fronte a IMERG, do 30 % fronte a MRMS e do 10 % fronte ás medicións de pluviómetros nos prazos iniciais.
O modelo tamén incorpora variables destinadas especificamente á planificación das enerxías renovables. Entre elas figura a predición da velocidade do vento a 100 metros de altura, aproximadamente a altura de operación dos aeroxeradores, así como datos de cobertura de nubes e radiación solar. Estas previsións poden empregarse para estimar a produción das instalacións e facilitar a planificación das redes eléctricas.
WeatherNext 3 comeza a integrarse desde hoxe en Google Search, a aplicación Gemini, Google Maps, Google Maps Platform e Google Earth Engine. Google indica que as previsións de precipitación para horizontes de polo menos un día poden acadar unha precisión ata un 50 % superior, con maiores melloras nas rexións nas que as predicións eran menos fiables.
Os datos do modelo tamén estarán dispoñibles para investigadores, desenvolvedores e empresas a través de BigQuery e Earth Engine, ademais de poder descargarse en bloque desde Google Cloud Storage. A compañía sinala que as previsións poderán consultarse sen que os usuarios teñan que configurar ou executar o modelo.
As previsións xeradas por WeatherNext 3 están destinadas a aplicacións que van desde a planificación de actividades cotiás ata a resposta ante fenómenos meteorolóxicos adversos, a xestión agrícola, a planificación de rutas aéreas e a previsión da produción renovable. Google lembra, con todo, que para alertas meteorolóxicas severas e recomendacións relacionadas coa seguridade deben consultarse os servizos meteorolóxicos oficiais de cada territorio.
