
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza o vindeiro xoves 10 de setembro ás 20:00 horas no Salón Multiusos do Concello de Viveiro un novo obradoiro de alfabetización mediática dirixido á poboación adulta. Esta sesión divulgativa encádrase no programa de obradoiros contra a desinformación organizado coa subvención da Deputación de Lugo e estará impartida por Carmen Abuín, e a asistencia é libre e gratuíta, sen necesidade de inscrición previa. Será ás 20.00 horas e forma paret dunha xira de alfabetización mediática desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia nunha vintena de localidades lucenses.
O acto, dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta, vai ter lugar no Salón Multiusos da Casa do Concello de Viveiro (praza Maior, 1).
“A veciñanza desta localidade mariñá poderá así ter acceso a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas”, sinalou o Colexio.
Como dixemos, o obradoiro estará impartido pola xornalista Carmen Abuín González, licenciada en Ciencias da Información con experiencia comunicativa en El Progreso, Diálogos Comunicación e Acedis Formación, e docente en igualdade e accións formativas para persoas desempregadas.
Comoao resto de formadoras e formadores dos obradoiros, Abuín recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
A asistencia ao acto é libre e gratuíta ata cubrir a capacidade da sala, sen requerirse inscrición previa.
Obradoiros contra a desinformación

Dende o Colexio lembran que “o contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade”. Engaden que “sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación”.
Nesta situación o Colexio de Xornalistas quere “combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas”.
O proxecto, apuntan, “significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade”.
Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.

