
A Oficina AceleraPyme (OAP) de ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) celebrará entre o 16 de setembro e o 1 de outubro catro xornadas gratuítas dirixidas a pemes, profesionais autónomos e emprendedores interesados en avanzar nos seus procesos de transformación dixital e mellorar a súa competitividade.
O ITG informa que as sesións abordarán “cuestións clave de especial interese para as empresas” como a xestión documental vinculada ás normas ISO, a intelixencia de negocio, as oportunidades de colaboración coa Administración local e os retos da ciberseguridade.
Todas as xornadas son de inscrición gratuíta e serán presenciais na sede de ITG na Coruña, agás a xornada sobre ciberseguridade, que se celebrará en liña.
Cumprimento legal e xestión documental para a implantación e mantemento das normas ISO

A primeira xornada será o 16 de setembro, de 10.00 a 11.00 horas, e analizará como integrar os requisitos legais e documentais asociados ás normas ISO no traballo diario das organizacións, máis aló da preparación das auditorías.
Abordaranse cuestións como o cumprimento legal, a seguridade xurídica, a dixitalización de procesos e o uso de xestores documentais para organizar, actualizar e controlar a información. A xornada incluirá ademais a presentación do servizo gratuíto de Caracterización Tecnolóxica da OAP de ITG.
Intelixencia de negocio: como deixar de decidir a cegas

O 18 de setembro, tamén de 10.00 a 11.00 horas, a sesión será sobre Business Intelligence (BI) e a súa aplicación práctica nas pemes. O obxectivo é mostrar como transformar datos dispersos, antigos ou pouco fiables en información útil para tomar decisións. A sesión percorrerá as principais fases dun proxecto de BI e utilizará como exemplo un caso real de cadro de mando de obxectivos de vendas.
Iniciativas de innovación e dixitalización de pemes desde a administración local

A terceira cita será o 29 de setembro, de 12.30 a 14.30 horas, e abordará as oportunidades que ofrecen as administracións locais para impulsar a innovación e a dixitalización das pemes. O encontro permitirá coñecer proxectos locais abertos á participación empresarial e novos instrumentos municipais de apoio. Entre outros contidos, abordaranse as estruturas participativas para a innovación local e a Compra Pública de Innovación, con especial atención ás posibilidades de participación das pemes.
Ciberseguridade hoxe: ameazas actuais e retos da era post-cuántica

O ciclo pecharase o 1 de outubro, de 10.00 a 11.00 horas, cun seminario en liña sobre ciberseguridade que ofrecerá unha aproximación ao panorama actual, con exemplos de ciberataques, as súas consecuencias e as principais ameazas ás que se enfrontan actualmente as empresas. Tamén se analizará o papel da IA e do factor humano, xunto con medidas básicas e alcanzables para reducir a exposición das organizacións.
Ademais, a sesión introducirá os retos que expón a computación cuántica e algunhas das tecnoloxías orientadas a protexer as comunicacións do futuro, como a criptografía post-cuántica e a distribución cuántica de claves.

