
O proxecto editorial galego Appnea Tech, posto en marcha por Arantxa Serantes e Manuel Gutiérrez, vén de impulsar unha nova e interesante reinpretación de O Quixote de Cervantes baixo un óptica solidaria e tecnolóxica. O resultado é El hidalgo del lago, que aborda o clásico de Cervantes ambientando as aventuras cabaleirescas na paraxe natural de Doniños. O proxecto destina os seus beneficios a unha ONG que emprega a impresión 3D para mellorar a calidade de vida de persoas con vulnerabilidade. Trátase “dunha nova fábula infantil que fusiona a maxia da narrativa tradicional coa innovación social e a tecnoloxía do século XXI”.
A obra sitúa a acción na xeografía galega, concretamente na praia e a lagoa de Doniños (Ferrol). A través dos ollos dos animais que habitan este ecosistema, o libro narra as andanzas e os delirios dun singular cabaleiro andante feito con pezas de autos reciclados, achegando os valores da xustiza, a imaxinación e o respecto pola natureza ao público máis novo.
Ciencia e impresión 3D con fins sociais
Segundo explica o selo creativo Appnea Tech, máis aló do seu interese literario, “El hidalgo del lago destaca polo seu marcado carácter tecnolóxico e solidario”.
O proxecto foi impulsado por Appnea Tech. Parte dos beneficios obtidos coas vendas do libro irán destinados integramente ao financiamento dunha ONG especializada en deseño e impresión 3D: Ayúdame 3D.
Esta organización desenvolve solucións personalizadas, próteses e ferramentas de apoio téctico destinadas a transformar e mellorar a autonomía de persoas en situación de vulnerabilidade ou con diversidade funcional.
“Con este lanzamento”, indican os seus responsables, “o proxecto demostra como o ámbito editorial e a comunidade maker poden aliarse para crear produtos culturais que xeran un impacto positivo directo na sociedade grazas ás tecnoloxías de fabricación aditiva”.

