
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou o pasado venres as instalacións en Compostela da tecnolóxica galega Balidea, onde destacou as achegas que as empresas do sector TIC poden facer á industria da seguridade e a defensa.
Lorenzana cualificou Balidea como “unha das principais empresas tecnolóxicas de Galicia e de España”, con case 25 anos de traxectoria, e que neste momento “está dando pasos” cara a estes sectores, onde este tipo de compañías están xa desenvolvendo tecnoloxías duais, sinalou.

Tamén lembrou que Balidea foi unha das 52 beneficiarias da liña de axudas para certificacións (1,5 M€) que a Xunta convocou por primeira vez este ano, e que é unha das medidas que recolle a Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA) para as empresas que queiran dar o salto cara a esta industria. “Sempre dicimos que calquera empresa de sectores civís pode sumarse a esta estratexia, e Balidea é unha boa mostra”, asegurou.
Xunto con isto, a conselleira tamén apuntou que foi tamén unha empresa que concorreu ás dúas convocatorias da liña IA360. Esta última edición, que pechou en agosto, contou cun investimento público de 10 millóns de euros, e deu apoio a 97 proxectos (43 de desenvolvemento tecnolóxico e 54 de solucións IA).

Balidea (oficialmente Balidea Consulting & Programming) é unha empresa galega do sector das TIC fundada no ano 2002 e con sede principal en Santiago de Compostela. Está especializada na consultoría tecnolóxica, desenvolvemento de software á medida, ciberseguridade e a implantación de sistemas de información complexos. Nos últimos tempos está a amplificar o seu radio de actividade cara a defensa e a seguridade.

