
Temos novo proxecto tecnolóxico-divulgativo destinado a reivindicar a riqueza xeolóxica de Galicia. Trátase de Xeogalicia.es, iniciativa impulsada polo xeólogo e investigador da Universidade de Vigo Ángel Enrique López Pérez, cuxo obxectivo é “achegar as Ciencias da Terra á sociedade e dar a coñecer a gran xeodiversidade de Galicia”.
O contexto
Explica o investigador que “Galicia posúe unha extraordinaria diversidade xeolóxica, con montañas, vales, rías, praias, cantís e outras formas da paisaxe que son o resultado dunha complexa historia xeolóxica desenvolvida ao longo de millóns de anos”. O resultado, indica, son rochas, minerais, estruturas tectónicas e formas do relevo que testemuñan esta historia e que forman parte do patrimonio natural galego, “aínda que boa parte deste coñecemento permanece restrinxido ao ámbito científico ou especializado”.
Con este punto de partida nace Xeogalicia, un proxecto de divulgación científica impulsado polo xeólogo e investigador da Universidade de Vigo Ángel Enrique López Pérez, que pretende achegar as Ciencias da Terra a un público amplo e ofrecer ferramentas para comprender mellor a xeoloxía que hai detrás das paisaxes galegas.
O proxecto, segundo sinala Ángel Enrique, “aposta por unha divulgación científica rigorosa, pero accesible, empregando unha linguaxe próxima e doada de comprender para explicar conceptos, procesos e fenómenos xeolóxicos que forman parte da realidade cotiá”.
“Entender a xeoloxía é entender o territorio”, explica o investigador da UVigo, engadindo que “moitas veces pasamos diante dunha rocha, dunha praia, dun cantil ou dunha determinada forma do relevo sen saber que historia nos está contando. Xeogalicia pretende axudar a mirar ese territorio con outros ollos”.

Da divulgación á conservación
Un dos obxectivos fundamentais de Xeogalicia é contribuír ao coñecemento, valoración e conservación da xeodiversidade e do patrimonio xeolóxico de Galicia. “A xeodiversidade”, lembra Ángel Enrique, “comprende a variedade de elementos xeolóxicos, xeomorfolóxicos e edáficos dun territorio, así como os procesos que os orixinan e transforman ao longo do tempo, e é unha parte esencial do patrimonio natural e contribúe a definir a identidade e a paisaxe dun territorio”.
Moitos destes elementos constitúen auténticos arquivos da historia da Terra. As rochas
existran procesos que ocorreron hai millóns de anos; e as estruturas tectónicas e as formas do relevo axudan a reconstruír a evolución xeolóxica de Galicia.
“A perda ou destrución sen remedio destes elementos supón, polo tanto, a desaparición dunha parte do rexistro da historia xeolóxica do territorio”, indica López Pérez, recordando que “a divulgación pode axudar a que a sociedade recoñeza o valor da xeodiversidade e entenda que a conservación do patrimonio natural tamén inclúe a súa dimensión xeolóxica”.
A plataforma
Xeogalicia apóiase no desenvolvemento progresivo dunha plataforma de divulgación e educación xeolóxica con diferentes tipos de contidos e recursos.
A web contará con artigos de divulgación, explicacións de conceptos xeolóxicos, un dicionario de termos, guías xeolóxicas, mapas e recursos educativos, así como contidos dedicados a lugares concretos de interese xeolóxico.

Entre estes últimos destacan os Xeolugares, unha proposta orientada a descubrir espazos do territorio galego e interpretar as rochas, estruturas e procesos que explican a súa configuración. “A intención”, sinala o investigador da UVigo, “é fomentar unha ollada máis científica sobre o territorio e aprender a interpretar aquilo que temos diante dos ollos: as rochas, os minerais, as estruturas tectónicas e as formas do relevo que están detrás das paisaxes que coñecemos”.
Deste xeito, Xeogalicia pretende “conectar o coñecemento científico coa observación directa do territorio e mostrar que a xeoloxía non é só unha disciplina académica, senón tamén unha ferramenta para comprender a paisaxe e a evolución do medio natural”.
Xeoloxía para toda a sociedade
O proxecto está dirixido tanto ao público xeral como ao ámbito educativo, con contidos destinados a estudantes, profesorado, afeccionados ás Ciencias da Terra e a todas aquelas persoas interesadas en coñecer mellor Galicia.
A iniciativa busca tamén facilitar recursos que poidan ser empregados en centros educativos e actividades de divulgación, así como establecer colaboracións con universidades, concellos, entidades culturais e ambientais e outras organizacións relacionadas coa educación científica e a conservación do patrimonio natural.
“Galicia ten unha historia xeolóxica extraordinaria e unha enorme diversidade de paisaxes. O noso propósito é contribuír a que esa riqueza sexa máis coñecida e valorada, e que a sociedade poida comprender que tamén forma parte do patrimonio natural”, conclúe López Pérez.

