
Coworkers de toda a provincia da Coruña participarán os días vindeiros na nova edición do Coworking Fest que organiza a Deputación da Coruña de xeito simultáneo en todos os espazos de traballo colaborativo e innovador da provincia.
Do 14 ao 20 de setembro, organizaranse diferentes eventos nos espazos da Rede Provincial de Coworkings da Coruña para celebrar o Rede Coworking Fest. O programa inclúe preto de 100 horas de eventos, entre formacións, obradoiros, visitas, conferencias, xornadas de portas abertas, asesoramento, cursos e ata unha feira labrega.
Os eventos do Rede Coworking Fest celébranse na semana do 14 ao 20 de setembro por toda a provincia da Coruña. Están organizados polos diferentes espazos de traballo colaborativo da Rede de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña, así que serán en cada espazo organizador, malia que algunhas das actividades desenvolveranse en liña.
A Deputación puxo en liña (e con información pormenorizada) a listaxe de eventos, que xa teñen aberto o prazo de inscrición.
Unha rede creada en 2019
A Rede Provincial de Coworking, creada no marco do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, comenzou o seu funcionamento en 2019 coa posta en marcha do primeiro coworking no Pazo de Arenaza en Oleiros. Dende entón, a Rede non parou de medrar e a día de hoxe son 11 os espazos que a conforman, entre coworkings, viveiros de empresa e espazos colaborativos especializados na transformación agroalimentaria.
Segundo salienta a Deputación, “esta Rede é única en Galicia, xa que cada un dos centros que a conforman atópase especializado no sector ou sectores estratéxicos da zona onde se localizan; e ademais a meirande parte destes centros atópanse no rural coruñés e todos eles prestan servizos de apoio e fomento ao emprendemento a nivel supramunicipal”.
Preto de 300 emprendedores e emprendedoras da provincia xa iniciaron os seus proxectos de negocio titorizados pola Deputación a través deste modelo.
Integrada no Plan de emprego local (PEL) da Deputación da Coruña, a Rede Provincial de Coworking continúa consolidándose como un dos instrumentos máis innovadores de apoio ao emprendemento en Galicia.
Na actualidade forman parte da rede 12 espazos de traballo colaborativo situados en diferentes puntos da provincia e especializados en distintos sectores, que van desde o urbanismo á transformación alimentaria ou as enerxías renovables: o coworking do Pazo de Arenaza (Oleiros), o LAB-Barbanza (Boiro), Transformando en Brión, o Espazo A Proa (Ames), o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla (Moeche), o Coworking A Capela, o Centro de Emprendemento A Estación (Vedra), o Green Coworking (As Pontes), o Coworking A Pobra, o Coworking Dixital CCompostela (Santiago), a Casa do Pescador (Miño) e o Centro de Transformación Alimentaria de Baroña (Porto do Son).

